1 de set. de 2019

Sentimentos de dor desde a emigración

Fai uns días, o 8 de agosto, nunha charla  no museo Massó co título ‘O periplo do exilio’, e no apartado da ‘dor da emigración’ ou do duro e traumático que é o feito de estar lonxe da terra á que un se sinte ligado por nacemento, por lazos afectivos, por emocións ou sentimentos..., lin parte dunha carta dun fillo de Bueu que reflicte perfectamente estes sentimentos. Xa que así mo pediron algúns amigos, nesta entrada, transcribo a carta na súa integridade velando soamente algúns dos nomes dos interlocutores para, preservando a súa identidade, centrar o foco no contido ou mensaxe da mesma. 




Buenos Aires 27/11/48
Sr. Gxxxxxxx Xxxxx y Xxx 
Bueu
Queridos padres:
Ante todo, quiero decirles que mi deseo es que en las próximas fiestas de Navidad y Año Nuevo la felicidad esté con Vdes. y mis hermanos y que la salud sea siempre vuestra compañera. Nosotros estamos bien gracias a Dios.
Quiero pedirles perdón por lo mucho que tardé en escribirles, pero no lo tomen como olvido, sino que como les dije otras veces me resulte más fácil hacerlo para Rxxxxx, porque con ella puedo expresarme con más holgura sin temor a que una mala interpretación le disguste. Por ejemplo, no puedo negar que pienso mucho en Bueu, más que nada en Vdes, y que añoro el día en que Dios me ayude a llegar a esa, que vivo aquí, pero con el pensamiento estoy con Vdes. Esta aclaración o mejor dicho este desahogo, yo sé que a mamá le cuesta unas lágrimas y a papá un momento de silencio y eso es lo que quiero evitar, porque prefiero llorar un día yo antes que derramen una lágrima Vdes. Por eso les pido que cualquier palabra o frase que escriba por más sentida que sea, no crean que estoy mal o desesperado sino por el contrario estoy confiando que Dios me permitirá verlos un día tarde o temprano; tengo fe en El.
Hoy sin ir más lejos, es uno de los días que para mí considero tristes pero los más felices. No es nada extraño que, al venir hoy a dormir y acostarme, pensando y pensando me ponga a llorar recordándolos a Vdes.; acordándome de todo eso, en donde pasé la niñez, que es la etapa más feliz de la vida, y por ser Bueu donde pasé ese tiempo, me parece que es la parte del mundo más linda. Es una cosa que yo creo lo más natural que pueda haber. Sin embargo, cuando me sucede eso es cuando más bueno y feliz me siento. A mi entender me parece que eso le tiene que suceder a toda persona que tenga corazón, en este caso lo que quiero decirles con todo esto es que, aunque deseo en el alma volver al lado de Vdes, no estoy desesperado porque mi porvenir, como me dicen Vdes está aquí e irme sería abandonar una carrera en medio del camino para comenzar otra a la que, a lo mejor llegaría un poco tarde.
Por eso tengo fe en Dios y espero con su ayuda terminar esta, para después realizar mi sueño. - Casi aseguraría que a mis hermanos no les gustará que me exprese con Vdes. Así, primero les pido perdón a ellos, y después les repito que no es esto un grito desesperado mío hacia Vdes sino una declaración de cariño que siente un hijo ausente por seres tan queridos: los padres. Ellos pensarían igual que yo en mi lugar.
Días pasados me dijo Nxxxx  ¿Qué te parece si el año 52 o 53 si nos va bien nos damos una vuelta por Bueu? Ay, se me hizo un vacío en el estómago, que me parece que aún lo tengo. Si Dios fuera tan bueno y lo permitiera que feliz me haría.
Bueno, por esto no crean que siempre ando triste, no. Que lo digan Nxxxx y Cxxxxxx a los que hago reír todos los días hablando tonterías. Estos y las nenas les mandan muchos besos a todos. De mi parte lo mismo para mis hermanos a quienes quiero mucho y para Vdes un fuertísimo abrazo de vuestro hijo que los quiere y desea verlos.
Mxxxxx
Por suposto que son consciente de que hai moreas destas testemuñas polos caixóns de moitos fogares. Cartas que reflicten a dor, a desesperación, a desesperanza, a frustración, pero tamén a esperanza por un mundo persoal mellor, pola consecución de obxectivos dentro do proxecto vital lonxe das súas orixes e... moitas cousas máis. Se queredes que sexan visibles para que non desaparezan podedes enviar unha foto ou escáneo das mesmas a viladebueu@gmail.com e eu poría con todas elas un apartado na web https://descubrobueu.wixsite.com/bueu  (http://bueu.ga) para que puideran ser lidas.
Máis se algún as quixera entregar para ser gardadas fisicamente coido que o mellor sitio sería no
Arquivo Municipal de Bueu
Rúa/Igrexario, nº 1 - 1ª Pl. - CELA – 36939 - Bueu (Pontevedra)
Que ten o Teléfono: 986 32 35 39

1 de ago. de 2019

O ditador italiano Mussolini descendente dunha familia de Bueu

Como xa mencionei nalgunha entrada deste blog con noticias que puxen como: «O xograr Macías o Namorado era natural de Bueu»[1], «Gabriel Miró descendente de Andrés de Ons»[2] ou « Luís Camões descendente da bueuesa Urraca Lorenzo?»[3],  non intento encher Bueu de ascendentes ou descendentes de persoeiros que nada ou pouca relación teñen con este concello. O que pretendo, como simple curiosidade, é mostrar un comentario saído na prensa ou suxestión dalgún que outro autor que nos permita esbozar un sorriso ou coñecer algo distinto do que se di dunha personaxe.
Pero a noticia que hoxe presento é quizais, de ser posible, máis estrambótica que as anteriores: o ditador italiano Mussolini descendente dunha familia de Bueu.
Vou poñer o máis relevante da información de Bueu que aporta o correspondente nesta localidade do xornal El Pueblo Gallego do 22 de xuño de 1926 na súa páxina 15: Sobre a orixen de Mussolini. Curiosa información.- Unha parte da prensa arxentina dedica as súas columnas á investigación do orixen de Mussolini, e polo que o asunto ten relación con Bueu, transmitimos algunhas impresións reflectidas nos diarios que dilo se ocupan.
Segundo algúns, o ditador italiano naceu na Pampa, fillo de inmigrantes italianos que logo o levaron a Italia. De aí que como unha homenaxe ao “lembo di terra ove si é nato”[4] que dixo Dante, conserve o nome de Benito en lugar de Benedetto.
É esa unha versión que concorda en parte con esta outra. Aludimos […] ao historiador ferrolán don Ramón López Teixeiro, na edición do seu libro “Gallegos famosos”.
O señor López Teixeiro sostén as súas teses de que Mussolini é de prosapia galaica e en defensa das súas aseveracións aporta moitos e moi atendibles elementos de xuizo.
Empeza polo nome, Benito, que é dos máis xeneralizados en todo Galicia, […] e estudiando o apelido Mussolini, sostén que se deriva sen dúbida algunha, de “mujel” ou “mújol”, […] e ao que en dialecto galego dáselle o nome de “muxol”. O diminutivo de muxol en galego é muxoliño e é común entre os pescadores “traiñeiros” aplicar aos rapaces que lles axudan a recoller a rede, o nome de “muxolines”.
[…] López Teixeiro, comprobou que no pequeno porto de Bueu (preto de Pontevedra) existen varias familias que levan o apelido Muxolín, Antolín, Lalín, etc. de terminación aguda.
Agora ben: como Mussolini o Muxolín chegou a Italia?
Explica o feito da seguinte maneira: Na susodita localidade de Bueu existen uns anciáns Muxolín que falan dun fillo que fai cerca de medio século saíu para Bós Aires, establecéndose nun punto das pampas que non poden precisar.
Poucas son as noticias que chegaron a Bueu sobre as andanzas dese rapaz. Sábese só que escribiu aos seus pais anunciándolles que se había casado alí, en Puán, coa filla duns colonos italianos, e despois, por medio duns paisanos, soubose que morrera e que a viúva cós pais dela e co rapaz, regresaran a Italia.
[…] Conclúe afirmando que o cambio de apelido galego “Muxolin” polo italiano “Mussolini” operouse na escola de primeiras letras que haberá frecuentado o hoxe presidente italiano. […]
De ser certo todo canto antecede non cabe dúbida que nas ditatoriais venas de Mussolini corre sangue galega.
Pero o que si podemos asegurar […], é que […] nesta parroquia existe algunha familia a quen se coñece polo nome ou alcume de “Muxolin” […] ”
Sen comentarios!
Aquí teñen a noticia completa : 
El pueblo gallego 22 de xuño de 1926 p. 15

[1] Entrada do 01 de febreiro do 2012
[2] Entrada do 25 de maio do 2012
[3] Entrada do 01 de xaneiro do 2014
[4] “Franxa de terra onde naceu”

11 de xul. de 2019

In memoriam de Fernando de la Rúa

Como moitos sabedes o pasado martes 9 de xuño faleceu en Bos Aires un “Fillo adoptivo” de Bueu: Fernando de la Rúa Bruno, que tamén fora presidente da República Arxentina entre 1999 e 2001.
Mais o que tamén quero poñer de relevo é o seu interese persoal, incrementado pola idade, polo pobo dos seus devanceiros e pola súa historia o que lle permitiu coñecer mellor as súas raíces.
Isto faime lembrar os poucos minutos que tivemos de conversa privada durante a súa estancia en Bueu. Foi na beirarrúa de Loureiro, logo da visita ao Pazo de Santa Cruz. Quería illarse da presión de Fraga para chegar a tempo ao acto oficial de entrega da Medalla de Ouro de Galicia que tería lugar no pazo de Raxoi.

Quería estirar o tempo no Bueu do seu avó. Non paraba de preguntarme cousas para alongar a súa estadía nesta terra e así respirar ese aire agarimoso que o embargaba. Cando o reclamaban para marchar dicía: Esperen! Esperen! Mentres me apartaba en dirección contraria á comitiva. Logo, e aínda emocionado, chamou a un axudante para que lle trouxera algo que, cun abrazo mesturado con palabras de gabanza e recoñecemento, entregoume. Era a medalla da Presidencia[1]. Despedímonos con promesas incumpridas por ambas partes...
Marchou co corazón chorando e con palabras de agradecemento a Bueu e as súas xentes. No mesmo discurso da entrega da Medalla de Ouro de Galicia o recoñeceu publicamente con estas palabras, tal e como pode comprobarse no vídeo adxunto: “... Hoy he vivido en Bueu una de las jornadas más emocionantes de mi visita a España pero también de las más emocionantes de mis días, de mi militancia, de mis viajes. Porque el pueblo de Bueu me brindó una bienvenida que me emocionó estrujándome el corazón hasta hacerme un nudo en la garganta. Recordé, mejor dicho, imaginé a mi abuelo viajando con su hermano a los quince años de edad rumbo a América para fundar allí su porvenir y su familia. De allí provengo yo. Y reencontrarme con esa tierra ahora próspera, llena de posibilidades igual que esta Galicia extraordinaria [...] ha sido para mí muy emocionante. Sé que esta emoción ha sido compartida por todos los miembros de mi delegación. Quiero decirles por eso mi afecto y mi respeto ...


[1] Pareceume que quería darlle outra ao Sr. Alcalde. Cousa que no sei se coas presas chegou a facelo


1 de xul. de 2019

Onde está a columna da Robaleira?

Se vos fixades nas fotografías veredes que na Robaleira houbo unha columna da que só algunhas persoas se poden lembrar. Unha desas é Lelo… que ante as preguntas do sobriño Miguel afirmou non só a súa existencia senón tamén cal fora a súa utilidade real.
As explicacións confirmaron as hipóteses que sobre ese ‘elemento estraño’ propuxeramos entre amigos na procura de interpretalo.
A descrición que da columna fixo era a dun guindastre (grúa) que se puxera aí para cargar de pedra aos galeóns que a levaban para a construción do muelle vello (que pode mirarse ao fondo na mesma fotografía e que se atopa agora no interior do recheo do ISM e da lonxa nova).
Á busca da pedra que lle servira de base foi infrutuosa, pois está desaparecida ao igual que algunhas que tamén había ao seu arredor.  A esta incógnita tamén lle deu solución pois no discurso aclaratorio apuntou que cando quitaron a columna, pois xa non facía falta, aproveitaron para cortar as pedras e facer ‘mortos’ para o fondeo dos barcos.
E, por se fora pouco, a partires dese momento, ao eliminar unha barreira natural, comezaron a afectar de forma directa as marusía ao extremo da Banda do Río, na zona do Penedo ou Niño do Corvo, tirando ao pouco tempo parte do que fora salga da familia Galup (A Requisa) alí localizada.

1 de xuño de 2019

Concha, a vendedora de 'abortivos' en Bueu

Se na prensa de hoxe aparecera de que a policía está na busca de alguén por tráfico de estupefacientes pareceríanos unha noticia máis, sen apenas relevancia ou que provoque excesiva sorpresa pois, aínda que non é algo habitual, si ocorre algunha vez algo semellante.
O que si nos chamaría máis a atención que estas substancias prohibidas foxen “abortivos”. Pois iso foi o que ocorreu en Bueu no mes de xaneiro de 1894.
O diario da tarde El Eco de Galicia[1] recolle, de forma textual, a noticia do Diario de Pontevedra:

«Poucos días fai que por persoas do próximo porto de Bueu, tívose noticia oficial nun centro desta cidade, de que naquela vila había indicios bastante claros que testemuñasen  a existencia dunha persoa expendedora de abortivos.
En efecto, feitas as oportunas investigacións, o feito confirmouse e hoxe sábese que Bueu alberga unha muller chamada Concha que se dedica ao terrible e criminalísimo tráfico que se denuncia.
En vista de confirmación tan importante déronse ordes de que fose buscada e detida a Concha en cuestión, quen sabedora polo visto das pescudas que a autoridade empezou a exercer, abandonou a súa casa desaparecendo de Bueu.
A Garda civil perséguea con actividade.»
Moitas das noticias que aparecen na prensa dilúense no tempo e acabamos descoñecendo como se resolveron ou cales foron as circunstancias que rodean os casos. Aquí ocórrenos o mesmo, pouco máis soubemos da tal Concha… coa excepción de que se chamaba Concepción Mallo[2], que tiña o sobrenome de Baralleira e que foi detida pola policía en Pontevedra dous días despois de iniciada a súa busca.


[1] Eco de Galicia do 19 de xaneiro de 1894 na páxina 2.
[2] Gaceta de Galicia do 21 de xaneiro de 1894 na páxina 2.

1 de maio de 2019

A Asociación Unión Rexional de Dereitas en Bueu

En xullo de 1933 o Gobernador Civil comunícalle ao alcalde de Bueu que ante unha instancia recibida da presidenta da Asociación Unión Rexional de Dereitas (URD) en Bueu, e feitas as oportunas investigacións, non consta no Libro-Rexistro de
Sociedades unha con esa denominación polo que “considérase a dita Entidade como Non funcionando”.
O que si coñecía o gobernador era que estas agrupacións locais eran apéndices dun partido político URD (Unión Rexional de Dereitas ) fundado o ano anterior[1].
Sen haber constancia no concello da legalización ou entrega de estatutos con posterioridade a esa comunicación recíbese, meses despois, unha solicitude asinada pola presidenta da URD requirindo autorización para celebrar unha Xunta Xeral, o domingo 5 de novembro de 1933 que sería presidida por unha dirixente provincial da dita Asociación, a Sta. Carmen Blanco Linares[2], coa seguinte Orde do Día:
-Lectura del acta anterior.


-Lectura de contas. 
-Explicación da Lei electoral vixente.

Este último punto era de moito interese para coñecer o marco legal dos comicios Xerais que se ían celebrar o 19 dese mesmo mes[3] e na que as mulleres exercerían por vez primeira o seu dereito a voto.

Nota: Dentro desta liña quero lembrar outra entrada (31-5-2018) na que se fala do movemento asociativo de mulleres no noso concello en 1937 como as “Mulleres ao Servicio de España”. Para ir a esa entrada premer aquí.


[1] E que en 1933 pasaría a integrarse na CEDA (Confederación Española de Derechas Autónomas).
[2] Carmen Blanco Linares foi dirixente Provincial desa Asociación U. Rexional de Dereitas. Logo na Guerra Mundial pertenceu ao coñecido como “Grupo 250 de Sanidade” da División Azul.
[3] Primeira volta das segundas Eleccións Xerais da II República Española.

4 de abr. de 2019

Outra de Medallas... I

Unha vez máis presento a persoas que por motivos diversos tiveron medallas ou diplomas concedidas por institución militares ou políticas. 
Hoxe porei tres breves notas que fan referencia a tres bueueses que recibiron medallas en momentos moi distintos e por motivos tamén diferentes.
1º.-  Comezaremos na afastada Filipinas  a finais do século XIX cando con data de 19 de marzo de 1876 (Real Orde de 28-6-1880)  concedéuselle a Cruz de Prata da Orde do Mérito Militar ao bueués José Fazanes Costas para premiar os servizos prestados coma clase de tropa.
José Fazanes era artilleiro do Rexemento de Artillería Peninsular do Exército de Filipinas.  
A condecoración levaba parella unha contía económica de dúas pesetas con cincuenta céntimos mensuais.


2º.- Por Real Orde 10 del novembro de 1927 (Diario Ministerio de Marina 12/11/1927) concédeselle a Cruz de Prata con distintivo branco, pensionada con 300 pesetas anuais, durante o seu tempo de servizo, ao condestable  José Estévez Ferradás, de Beluso, destinado en Marín, polo salvamento de dous mariñeiros que caeran ao compartimento do dique de proa do cruceiro Blas de Lezo, o día 4 de maio do ano 1926, mentres estaba reparándose na cidade de Ferrol.


 .- Na conmemoración do 18 de xullo de 1954 e a proposta da Xefatura Provincial do Movemento foille concedido o ingreso na Orde de Cisneros entre outros, con Cruz de cabaleiro ao alcalde de Bueu, José Mª Massó García.
Anos despois a primeiros de xuño de 1965 o Ministerio da Gobernación concédelle a Encomenda da Orde do Mérito Civil coa categoría de encomenda sinxela, a seis alcaldes e dous secretarios da provincia de Pontevedra. Un deses alcaldes condecorados foi José Mª Massó García.

2 de mar. de 2019

Recuperemos ‘LA VOZ DE BUEU’

Hai anos a través da Asociación Amigos da Biblioteca fixeramos un chamamento a todos aqueles veciños que posuían algún exemplar do xornal ‘LA VOZ DE BUEU’ para que puideran doalo á Biblioteca ou permitirnos fotocopialo, a fin de que haxa unha copia en depósito nas Bibliotecas do concello e colexios (ao igual que conseguíramos coa recuperación dos xornais de El ADELANTO).  A importancia desta recuperación do material hemerográfico local reside na práctica desaparición de tal periódico das bibliotecas e museos. Temos lembranza da encadernación  de todos os exemplares que tiña o concello!
Faise pois preciso a colaboración de todos aqueles particulares que, por gardar os seus maiores un recordo daquel periódico ou por manter eles un interese recompilatorio, posúan algunha copia, recorte, etc. se presten a permitila súa recuperación para patrimonio de todos.
De querer poñerse en contacto con nós[1] pode facelo a través do seguinte enderezo: viladebueu@gmail.com ou nas Casas de Cultura/Bibliotecas do concello, Arquivo Municipal (en Cela), etc. onde si o desexa, terá a discreción asegurada.
Na miña páxina http://bueu.ga  ou directamente en http://bueu.esy.es/Xornais/Voz.htm  podedes mirar uns poucos exemplares, recortes ou transcricións moi lonxe daqueles dos 120 números que saíron á rúa de 1904 a 1906.

E agora un pouco de noticias ‘novas’ do que fora La Voz de Bueu:
Ao obxecto de levar a cabo o ordenado polo Ilmo Sr. Gobernador Civil da provincia na anterior comunicación cítese ao Director propietario do semanario que se publica na localidade D. Ramón Galup Maneiro para que cumpra o preceptado no artº 11 da lei de imprenta de 26 de xuño de 1883 presentando no acto da publicación do seu xornal titulado ‘La Voz de Bueu’ tres exemplares de cada número, autorizados coa súa firma para os efectos que dita comunicación indica.
Así o determinou a Sor. Alcalde D. Laureano Piñeiro Domínguez na Constitucional de Bueu a dez e sete de Xaneiro de mil novecentos seis, de que eu Secretario certifico.”
Logo houbo una Notificación:
Na Consistorial de Bueu a dezasete de Xaneiro de mil novecentos seis, previa orde ao efecto presentouse D. Ramón *Galup Maneiro director propietario do xornal titulado ‘La Voz de Bueu’ que sae á luz nesta localidade unha vez cada semana, e pola Sor. Alcalde presidente léuselle a comunicación e providencia que antecede do que quedou decatado e ofreceu cumprir baixo as penas da Lei, en proba do que asina despois do dho Sor Alcalde, de que eu secretario certifico



[1] Ao igual que se fixo cos orixinais de El Adelanto.

1 de feb. de 2019

Xogadores da Chave de Beluso non deixan pasar aos burros

No mes de maio de 1908 recíbese unha instancia no concello de Bueu, curiosamente dirixida ao Sr Alcalde (ata aquí todo normal) «e máis tres desta digna Corporación» do que descoñecemos o porque desta insólita misiva así como quen son os tres interpelados[1].  
A transcrición do texto é:
«Josefa R--- F--- de Beluso á V.V. respectuosamente expón: Que mirado por máis dunha vez, que os xogadores da Chave na vía ppca de Beluso, non deixan paso libre aos burros que van cargados de gran para os muíños de Bueu.
Suplica a V.V.  dígnense ter a bondade de ordenar aos Celadores de barrio correspte, de que lles avisen a ditos xogadores para que non comentan semellantes desordes que ofenden ao pobo no que naceron.
Espero acadar do celo e bondade de V.V. o que por necesidade lle pide a expoñente.
Deus garde as súas vidas por ms as.
Bueu a 13 de maio de 1908
(asinado)»

Curioso e gratificante é saber que en menos dunha semana despois o alcalde, Manuel González Graña, deu as ordes oportunas aos Alcalde de Barrio, para que o mencionado na instancia non se repetira:
«O 18 de maio foi cumprido o que se interesa nesta instancia, oficiando ou transmitindo ordes sobre o particular aos alcaldes de barrio.
(Asinado)»


[1] Aínda que podemos interpretar son concelleiros da parroquia de Beluso probablemente implicados na denuncia.

16 de xan. de 2019

A Illa de Ons aluméase con catro farois de acetileno de refugallo

Se nos achegamos á sesión plenaria do 21 de febreiro de 1924 que «A proposta da presidencia e en atención ao citado deterioro no que están os once farois do antigo alumeado por acetileno propiedade deste Concello, que están depositados na Consistorial, a Corporación acorda proceder á súa adxudicación mediante concurso..
Anunciado oportunamente durante un período de quince días só se recibe no Concello unha solicitude para facerse cos farois, e non por todos senón por catro. A petición ven dende a Illa de Ons, da man de Didio Riobó Bustelo, xestor e fillo do dono da mesma. Didio oferta pagar por cada un dos farois 4 pesetas.
O 20 de marzo de 1924 o alcalde Jesús Prieto tramita, á proposta da Corporación, o expediente de adxudicación de «farois deteriorados» ao único que participou na poxa, Dídio Riobó Bustelo.
E así é como os farois foron a parar á casa-almacén que a familia Riobó posuía na súa illa, Ons.
Pero se seguimos o rastro deses farois retrocedendo no tempo chegaríamos a xaneiro do ano 1906 en que no segundo pleno[1] despois de tomar posesión da alcaldía de Bueu, Laureano Piñeiro Domínguez[2] expón a petición dos veciños do Príncipe (actual rúa Eduardo Vincenti) para que se poñan uns farois na súa rúa e o fixeron nos seguintes termos: «... interesando da Corporación que tendo en conta a necesidade que se sinte duns farois na dita rúa e a precaria situación do erario público municipal, se instale por conta dos fondos seis farois cos seus depósitos para producir gas acetileno[3] ofrecéndose os reclamantes a soster o alumeado durante o ano actual...».
Farola na Praia de Beluso
Na sesión plenaria do 20 de xaneiro dáse conta, na mesma liña, de dúas instancias de veciños da praia de Beluso e da Ribeira (actual Montero Ríos) que desexan farois como os da rúa do Príncipe.
O Concello encarga á mesma comisión que tiña que resolver a necesidade dos puntos de luz no Príncipe, incorporando ao salgadoiro Clemente Lago, o faga tamén para Beluso e na Ribeira.
Aínda que na sesión ordinaria do 4 de febreiro de 1906 a Corporación informouse dunha comunicación do Gobernador Civil de que non procedía a concesión de transferencia de crédito para os seis farois que o concello pensaba mercar para a rúa do Príncipe, non será ata o día 12 dese mesmo mes cando se trate do ditame da comisión encargada sobre os farois incluíndo os 5 a poñer na Banda do Río, Ribeira e Praia de Figueirón. O «Concello resolveu que se adquiriran os nove farois de que se trata con todos os seus accesorios e se coloquen nos lugares designados satisfacéndose todos os gastos que con tal motivo se orixinen con cargo ao capíto de Inconvenientes; en cuxo acordo non conveu o 1º Tenente D. Tomás García por non haber cantidade sinalada para este fin no presuposto e necesitarase para outros Inconvenientes».
Como pode comprobarse que non foron 5, nin 6 nin 9 os farois que tiveron algunhas rúas e lugares de Bueu, senón 11.


[1] Sesión ordinaria do día 14 de xaneiro de 1906.
[2] Tomou posesión o 1 de xaneiro de 1906.
[3] Xerado a partires de carburo calcio.

1 de xan. de 2019

A Roiba é inglesa e custodiada pola Garda Civil

A Praia da Roiba deulle dende principios do século XIX nome ao almacén de salga que está ao seu carón.
Sería Pedro Pastoriza, un dos primeiros salgadoiros locais, o que iniciou a súa construción coa oposición dos veciños do “Partido Xurisdicional de Cangas e do Coto de Bon e Villar”. Tras pasar ao longo do tempo por múltiples mans: Antonio Pérez, Heraclio Méndez, Manuel González Plá, Joaquín Francisco Graña Rodal e Darío Lameiro Sarachaga... e no ano 1936 a que tamén se convertera nunha fábrica de conservas está pechada e é propiedade dun Banco de nacionalidade británica con sede en Londres: The Anglo South American Bank Ltd[1].
 Ata aquí o relato sería normal. Mais o que nos interesa agora é poñer o foco nestas datas de 1936: Tralas eleccións xerais, en febreiro dese ano, gaña a coalición de esquerdas coñecida como Fronte Popular o que motivou unha forte reacción da dereita española. O que propiciou que durante uns meses o ambiente político en España se tensara de tal xeito que serviu de escusa para actos vandálicos de todo tipo. É, neste estado de cousas, cando o gobernador civil[2] manda con data 25 de xuño unha circular a todos os alcaldes, para que se dispoña “que a forza da Garda Civil, preste servicio de vixilancia e custodia caso necesario ás propiedades e edificios de súbditos e entidades de nacionalidade británicas” por ser os desta nacionalidade os que estaban máis no punto de mira dos ‘alborotadores’.
E así é como a Garda Civil vixía durante un curto espazo de tempo a fábrica pechada da Roiba...
Con motivo da necesidade de desprenderse de inmobles, a entidade bancaria inglesa vende A Roiba á sociedade Massó Hermanos que posteriormente, no ano 1948, a vende a Manuel Abalo empresario que tras desenrolar actividades, en sociedade coa familia Carballal, de tratamento de peixe, transformaría o almacén nunha cetaria...


[1] Partindo de todo unha serie de fusións bancarias en Sudamérica, fundamentalmente con capital inglés, dende 1888  fai que xurda a partires de 1907 co nome Banco Anglo Sudamericano. Logo dunha grande expansión comeza nesas mesmas datas de 1936 cunha grande caída polo que foi absorbido sobre todo polo Bank of London and South America.
[2] Gonzalo Acosta Pan, do Partido Republicano Radical-Socialista. Estivo de Gobernador Civil e Pontevedra (anos antes tameno fora de Biscaia) dende o 26 de febreiro de 1936 ata a sublevación das tropas de Franco (18 de xullo) que foi apresado e posteriormente fusilado na Caeira o 8 de setembro.

22 de dec. de 2018

Catro Alcaldes de Barrio renuncian ao cargo por "razóns médicas"

Manuel Riobó Gimeráns, nado en Meiro o 10-3-1863 (aínda que logo viviu en Cela de onde era o seu pai e avó paterno) é coñecido como o que mercou a Illa de Ons que logo deixaría aos seus fillos. Pero do que agora quero falar e do seu papel coma médico; médico non atallando abrochos de tifos en Ons ou de cólera ou viruela en Filipina ou de forense en Vigo senón como médico asinante dos partes de baixa a catro veciños de Beluso, O Valado, O Enleito e Bueu que foran nomeados Alcaldes de Barrio e que non querían levar esa responsabilidade dende que accedera á alcaldía Agustín García Parada o 1 de xaneiro de 1910. Curioso é que tres deles o fixeron o mesmo día que un novo equipo municipal tomaba posesión. Por se sirve de pista para interpretar os datos que aparecen a continuación, dicir que o Sr. Riobó fora concelleiro co anterior alcalde, Clemente Lago, ata finais de 1809.
Partes de Baixa:
O de Beluso era Luís M., veciño de A Rosa a quen “recoñecido (27-1-1910) e examinado atópase afectado dunha Amiotrofia localizada ao membro inferior esquerdo con deformidade dos pés do mesmo lado, sostida esta afección por profunda alteración nerviosa; padecemento que ven sufrindo desde a nenez, inutilizándoo para a progresión e polo tanto para o desempeño do cargo de Alcalde de Barrio para o que recentemente foi nomeado.”.
O de O Valado Francisco C. R. (27-1-1910) a quen despois de recoñecelo atopou “afectado dunha voluminosa hernia inguinal externa do lado dereito que lle impide todo movemento forzado e a locomoción en determinados estados obrigándolle a gardar cama con bastante frecuencia; padecimiento que le inutiliza para desempeñar el cargo de Alcalde de Barrio para o que recentemente foi nomeado.”
O do Enleito Benito L. L. (27-1-1910) a quen despois de recoñecelo atopouno “afectado dun reumatismo muscular crónico con exacerbacións subagudas seguidas de dores musculares que lle obrigan a gardar cama naqueles períodos; estes estados caracterizados como enfermidades a frigore manifestas, desenvólvense por arrefriamento do organismo impedíndolle dedicarse [...] ao desempeño do cargo de Alcalde de Barrio para o que recentemente foi nomeado.”
O de Bueu era Francisco Fernández S. (22-5-1910) e este tiña, ao dicir do doutor, “unha hernia inguinal do lado dereito que lle impide en determinados estados exercitar os fundamentos da locomoción [...] polo tanto imposibilitado para o desempeño do cargo de Alcalde de Barrio para o que recentemente foi nomeado.” 




7 de dec. de 2018

Competencia desleal entre ferreiros

Un martes, dezaseis de abril do ano 1878 preséntase á alcaldía de Bueu un oficio de denuncia porque en Cela non había un, nin dous, senón ata tres ferreiros que estaba a exercela profesión na mesma parroquia de forma ilegal a tenor do denunciante, o tamén ferreiro, Ventura Reino. Na acusación que fai o Sr. Ventura di que non están subscritos na “matrícula de subsidio” para a dita profesión e que así se prexudica á Facenda e os intereses do que denuncia.

Denuncia por intrusismo entre ferreiros




1 de nov. de 2018

Xa se pode vender viño novo...

No mes de outubro de 1927 o alcalde de Bueu emite una Orde na que se prohibe expresamente vender viño novo  antes do 1º de novembro e faino nos seguintes termos:
Por la presente advírtese a todos os expendedores de viños deste Concello, que se absteñan de vender o que procede da colleita deste ano, ata o 1º de Novembro próximo polos graves trastornos que poida carrexar á saúde en xeral; significando que todo aquel que contraveña o aquí disposto, será castigado sen contemplación algunha.

Bueu 7 Outubro 1927

O Alcalde

Camilo Davila

Interesante tamén é a relación dos ‘expendedores de viños’ do concello que poden lerse nas sinaturas polas que se dan por decatado da Orde da alcaldía: Manuel Estévez; Lino Pérez Paz; Manuel Geno; José Verdeal; Agustín Pérez; Carmen Camiña; José Portela; Eugenio Fernández; Carmen Gómez; Ramón Álvarez; Herminia Villanueva; Clemente Lago; Francisco Cerviño; Antonio Cerviño; Felicidad Rodríguez; Salvador Gil Loira; Ramón Fazanes; Juan Cestay; Avelina Portela; Manuela Masenlle; Agustín Pastoriza; Rogelio Padín; Agustina Garrido; Manuel García; José Calviño; Juan Riobó; José Collazo; Carmen Vidal; Benito Estévez; Francisco Rúa; Francisco Estévez; Víctor Carballo; Peregrina Álvarez; José Soliño; Esperanza Bustelo; María Abelarda; Rosa Rúa; Alejandro García; Carmen Domínguez; José López Castro; José Portela; Manuel Portela; Manuel Carballo; Nazario Rúa; Francisco Escaneo; Viuda Moledo; Manuel Otero; Andrés Cerviño; Antonio Graña; Avelina Pérez; Benito Santos; Francisco Novas; Eligio Prieto; Carmen Paredes; José Ogando; Manuel Portela; José Freire; José Costas; Virtuosa Estévez.