2 de set. de 2017

Unha carta á Praia de Beluso - Lina Anguiano-1965

Hoxe remata agosto e nos seus ollos reflíctese a equipaxe da tristura que dá a partida dos amigos, dos veciños, dos veraneantes,... Setembro, unha vez máis, reparte pensamentos e sentimentos de Bueu na memoria e no corazón dos Santi, dos Paco, das Lucías, das Lolas e de tantos e tantas que, como as andoriñas, tentarán volver no vindeiro ano.
En homenaxe a todos os que estivestes en Bueu este verán e desexades regresar... un pequeno relato froito dunha estancia na praia de Beluso, a mediado dos anos sesenta do século pasado, da doutora coruñesa, afincada en Granada, Lina Anguiano, titulado “Unha carta á praia de Beluso” e que continuación transcribo e traduzo:



Preme para ver artigo do libro
Premer no libro para ver artigo orixinal
Rúa longa dunha ringleira de casas que mira á costa. Un pequeno porto. Unhas redes tendidas ao sol. E barcas, moitas barcas de quilla achumbada que no país chaman dornas; unas varadas na area, outras cabeceando nas augas da ría.
Ás costas un val, o verde val que ascende ata Beluso, domina o pobo e as próximas praias e as suaves montañas que alá enfronte contornan a distancia .
Un museo, en cuxa fachada unhas palabras vibran sobre a pedra, como un himno de gloria ao mar.
Un monumento en granito ao pescador, unha lonxa, unhas tendas con aparellos de pesca. Rapaces que xogan a ser mariñeiros. Mulleres que van e veñen con cestas de peixe á cabeza. Homes curtidos, que a porta dunha taberna, charlan en grupos ao caer a tarde, antes de facerse ao mar.
Vento salobre, vento de brea que ule a eucalipto y ten todos os sabores do val. Vento que descende do bosque de Beluso, vento insondable do Norte.
E un mar que brama desde o principio do Tempo día e noite, día e noite, sen amainarse, sen sosegarse nunca.
Este é Bueu, o pobo de pescadores, mecido no regazo da aldea de Beluso. Este é Bueu.
O vermello amante do faro protexe agora ao pobo que quedou sen homes. Ao meu balcón, aberto ao presaxio das olas, chega o eco duns pasos e o dolor dunha aguda nostalxia. Unhas débiles luces escintilan nas augas da ría. Lixeiras nubes ocultan a medias a lúa. Pero o ceo é claro e vexo como emerxen as montañas e vexo o pobo e o reloxo do museo mariñeiro que marca as horas en Bueu.
No hai voces. Non hai murmurios. Ninguén vela. Só o latexo do mar e o latexo da miña escura nostalxia. Unha anguria, a ignota angustia do mar que arrastra as lágrimas de todos os mundos, irrompe a ondadas na miña alma. A praia de Beluso recolle o meu pranto e o nome dun soño que se vai.
Mañá xa partira... Mañá.
De cara ao alento da noite, douche as gracias e dígoche adeus.
Douche grazas pola luz con que teus ollos me miraban, polo teu sorriso, por las fondas baladas da túa patria que me bríndache á medianoite a véspera de irvos a Bueu.
Douche grazas polo bondadoso ademán con que a túa man me protexía. Douche graxzas por non abandonarme un só instante. Douche grazas por todas as atencións, por todas as pequenas cousas que me ofrecías a diario. Douche grazas, grazas sempre por todo lo que recibín de ti.
Cambiaría meus días máis felices polas sinxelas comidas na longa mesa familiar que presidía a túa nai. Á miña memoria acude unha e outra vez a tenra solicitude conque todos os irmáns a obsequiabades a ela e o cálido xesto con que ti te inclinabas para atenderme a mi.
En ocasións túa nai conversaba cos tres compatriotas que compartían a vosa vida. Falaba da cociña, as costumes e as doces vivencias que quedaran no Leste, no país natal.   
Todas as miñas alegrías as cambiaría por volver a escoitar o suspiro das ondas naquela mesa. E as cambiaría polo fermoso paseo que facíamos todos xuntos para asistir o domingo á parroquia de Bueu.
A ti gustábache ir polo camiño máis largo, por un sendeiro bordeado de árbores que ascendía ata a igrexa. No azul da mañá e da ría, o saúdo da campá brincaba gozoso polo val.
Vosos amigos e teus dous irmáns levaban a túa nai no centro. Ti diante, viñas sempre comigo. De vez en cando chegaban a nós algunhas frases no teu idioma eslavo. Era túa nai quen falaba, Ti volvíaste cara o ser querido que salvara varias fronteiras para vir a mirarvos. Volvíaste cara ela cos teus claros ollos iluminados de caricias. Logo, sorrindo, traducíasme a min as súas palabras ... E seguíamos camiñando.
De súpeto dabas un salto para alcanzar a pola dunha árbore. Ou apartábasme delicadamente do sol. Ou me gastabas unha broma. E me mirabas aos  ollos. E sorrías ... E seguíamos camiñando.
A veces eu detíñame para mirar atrás. Bueu e a praia ían quedándose abaixo. A medida que ascendíamos, a paisaxe se dilataba, se expandía ata o horizonte. Na inefable calma da altura, unha visión de montes, de prados e casais, de ría, de sol, de verdes e azuis, de barcas, de luz e de brisa, parecía desbordarse e inundar de beleza á terra. Parada alí, na cima, escoitando o trémulo secreto das árbores, eu miraba e miraba. Miraba cos ollos do rostro e miraba cos ollos da alma.
Mañá, agora mesmo, todo isto xa non é máis cun recordo, o nome dun soño que se vai.
Xa para sempre estes días serán meu Tatra, a vella montaña do Leste, onde ti naciche  e que acaso nunca a volvas ver.
Unha tarde falábasme da túa infancia. Falábasme dos Cárpatos, das veces que remaras polo río que serpeaba o Tatra. Non era en Bueu onde evocabas a túa nenez. Era noutra praia, sentados sobre unha rocha nun lugar deserto de matos e penas, batido polas ondas. Foramos ata alí en lancha. O vento borrascoso do Norte  azoutábanos o rostro e sacudía os fentos que crecían ao pé da rocha. Ti detivécheste a contemplalos e pasando a man polas matas, pregúntacheme como se chamaba na miña lingua. Eu che dixen o nome e entón dícheme a coñecer unha lenda que os vellos contaban aos nenos do teu país.
Segundo a lenda, o fento daba unha flor que vivía unha sola noite, a noite de San Xoán. Había que saír de madrugada a buscala ao resplandor das fogueiras acendidas ao pé das montañas e aquel neno que tivese a fortuna de atopala, podía pedirlle tres cousas, as máis desexadas, que a flor tiña a virtude de conceder… De pequenos adoitaban falarlle dun neno que en tempos achara a flor... Ti ­dicías sorrindo­ non atoparas ningunha.
Referíasme a lenda na rocha, de face aos grises da tarde, nunha paraxe que traía á túa memoria o recordo do Tatra.
Mañá xa partiría e cando chegue o verán xa non poderei ir á rocha a buscar o froito do fento a noite de San Xoán. Pero se nalgún outro lugar atopásea, pedirei á flor que che sexa dado volver ao Tatra. Pedirei que outra vez che sexa dado pousar a túa man nos fentos dos Cárpatos e asucar o río onde ti aprendiches a remar na nenez.
Está a subir a marea e as ondas estrélanse contra o dique onde ti e eu estivemos sentados esta noite. Só fai unhas horas e xa parece que o reloxo do museo mariñeiro cesase de latexar. Só fai unhas horas que ti che desposuías do xersei para botalo blandamente sobre os meus ombreiros. Só fai unhas horas.
Sopraba o vento e o pobo fórase a descansar. Unicamente nós permaneciamos sentados no dique escoitando a rouca sonata das ondas. Toda a noite desexariamos quedarnos alí, á clara luz de Eternidade que bañaba as nosas almas.
Agora, mentres ti dormes mergullado talvez na nostalxia do Tatra, eu contemplo o dique e de novo dígoche grazas. Grazas por coidarme tan docemente. Grazas pola benvida que me dispensaches na estrada cos teus irmáns e amigos a tarde que cheguei a Bueu. Grazas polas mouras, polas rosas silvestres que, atadas no teu pano para que non me picase, íasme ofrecendo esta tarde cando subiamos polo bosque á festa de Beluso.
Os músicos estaban tocando cando chegamos arriba.  Un vendedor cun mazo de papeletas acercouse a nos. Ti mércachelle uns cantos boletos dunha rifa que sorteaban unha tenreira. E os dous votámonos a rir.
Na contorna nosa bulía unha algarabía de campesiños que subían á aldea, de luces, de faroliños, de traxes novos, de música e pregóns, enmarcado todo polo bosque, os prados e o sol da tarde que refulxía abaixo, na ría de Bueu.
Entre a xente atopamos a teus dous irmáns e a teus amigos. Ao mirarnos sorríronse, viñeron a saudarnos e volveron a deixarnos só.
Un gaiteiro arrancouse de pronto cun vals. Os mozos dividíronse en parellas. Ti que es tan alto  inclínachete cara min e cun novo destello nos teus límpidos ollos, pregúntacheme sorrindo: «¿Bailamos?». Pero sen saber por que nos quedamos alí sen movernos. Quedámonos apoiados no muro presenciando o baile e todo o escenario da festa.
Durante longos años estiven anhelando este momento. Durante longos años estiven desexado que me fora concedido volver á terra, compartila, abarcala, vivila de novo cunha persoa achegada ao meu corazón. E xa miras, puiden escoitar na túa compaña a gaita e as cancións que arrolaron a miña nenez. E penetreime de todos os errantes espíritos do mar e do vento, acubillada na calor dunha prenda de lá que era túa. E asistín a unha misa aldeán con todos vós. E puiden admirar ao teu lado as candorosas imaxes de todos os cruceiros que nos saían ao camiño de Beluso. E xa entre as sombras do ocaso, regresei contigo pola soidade do bosque. Regresei coas túas rosas silvestres na man, despedindo caladamente os casais e a ría de Bueu e as chispiñas de luz que se ían acendendo nas aldeas veciñas mentres arriba, ás nosas costas, quedaban cada vez máis lonxe o baile e os rumores da festa.
Agora teño o corazón cheo de cousas belas, cheno de Bueu e de vosoutros e ao mesmo tempo que te dou a ti as grazas, doullas tamén a Deus.
A noite está declinando. Dentro dunhas horas, cando veñas ti, como todas as mañás a buscarme para ir a almorzar con vós, eu xa terei partido. Márchome ao amencer á hora na que os homes retornan da pesca. Voume coas rosas silvestres que ti me deches esta tarde... Voume lonxe da terra, moi lonxe da miña Tatra.
Non sei a que lugares levarame o meu destino. Pero, por  onde queira que pase e saiba eu que ti te atopas alí, irei a mirarte. Sempre irei a mirarte.
A flor do fento que vive só unha madrugada, floreceu esta noite. É a ofrenda que che fago en memoria do Tatra. É a miña última mirada. É o meu adeus.
A ti mar de Beluso, que seguirás pisando no dique o lamento de todos os que pasaron, que seguirás cantando día e noite a túa sombría cantinela aos nenos que quedan e a todos os que vaian vir; a ti praia de Beluso, déixoche a miña carta. Nela entrégote o meu silencio, entrégote o meu pranto e o nome dun soño que se vai.

12 de ago. de 2017

Pagar por circular polas rúas de Bueu-1902

Leron ben! Cada vez que un coche do servicio público (alugado ou de líña) circulaba por calquera das rúas de Bueu tíña que pagar. En 1902 a cantidade era de vinte céntimos.
Pareceume interesante ver un Presuposto Municipal dos inicios do século XX pois nel quedan reflectidos a recadación ao través dos Arbitrios para intentar equiparar ingresos e gastos. Del pódense extraer moitas conclusións e para facelas visibles fixarémonos na seguinte certificación:
Don José Plácido Lino González Secretario do Concello de Bueu
Certifico: que na acta levantada con motivo da Sesión celebrada pola Xunta Municipal en vinte e cinco de setembro último á que asistiron os señores que soan ao marxe, aparece entre outras, o particular que di así:
 “Seguidamente na propia forma e por mandato da presidencia, leuse por min o infraescrito Secretario en alta e intelixible voz o Presuposto Municipal ordinario que rexiran durante o próximo ano de mil novecentos tres; e fixada a Xunta en toda minuciosidade en cada unha das partidas de que aquel se compón: visto que foi censurado polo Síndico e prestarlle o seu asentimento, a Corporación en sesión de tres do corrente, permanecendo despois exposto ao público polo termo ordinario sen que contra el se producira a menor reclamación, a mesma acordou aprobar dito Presuposto sen o menor obstáculo, fixando os ingresos en vinte e dous mil cincocentas setenta e tres pesetas e os gastos en igual cantidade.
Pasando agora a ocuparse a propia Xunta dos dereitos que deben satisfacer polo arbitrio sobre postos públicos en rúas e prazas, resolveu sexan os seguintes:
Por cada cesta da cabida de medio a dous ferrados de millo que ocupe sitio no Mercado con efectos para a venta, pagaranse cinco céntimos.
Por id  id de menor cabida de id dous céntimos.
Por id vara de catro cuartas cadradas que se ocupe de sitio con mesa, banco, caixón o tarima, dez céntimos.
Polo sitio que se ocupe para a exposición de estampas, mesas de quincalla, roupa ou louza, sinon ocupara máis de dous metros, vinte e cinco céntimos.
Por id  id  con tenda, de arrastre senón excedese dos dous metros, vinte céntimos.
Polos lugares que se ocupen con calquera obxecto excedendo dous dos metros anteditos, pagarán en proporción aos dous tipos anteriores.
Por un feixe de leña ou vime, dous céntimos.
Por cada carro ou carromato que transite polas rúas con efectos para a venda cando estas consistan en castañas, patacas, peixe, trigo, centeo, millo, froitas legumes, por cada vez que o fixere, vinte e cinco céntimos.
Por ídem  ídem  ídem  que  ídem  ídem   con outros obxectos para a venda distintos dos expresados no parágrafo anterior, por cada día unha peseta.
Por cada cabalaria cargada con calquera clase de efectos para a venda que transite igualmente por las rúas, satisfará dez céntimos.
Por cada cabeza de gando que se venda, xa na praza, xa nas rúas con destino ao consumo inmediato, dez céntimos.
Por ídem  ídem  de cría chamada de segunda man, cinco céntimos.
Por piara de gando de porco de la mesma clase, vinte e cinco céntimos.
Por cada cabeza de ganado lanar ou caprino, cinco céntimos.
Por cada ave solta que se conduza en brazos, dos céntimos.
Por ídem  carro que ocupe sitio na Praza Mercado, cincuenta céntimos.
Por ídem  carromato que ídem  ídem , setenta e cinco céntimos.
Por cada coche que entre polas rúas desta vila ben sexa alugado ou ben de líña, pagará por cada vez, vinte céntimos.
Así resulta do orixinal de referencia; e a que conste expido a presente co Vº Bº do Sor Alcalde na Consistorial de Bueu a dez e seis de outubro de mil novecentos dous.
Asina
José Plácido Lino
Vº Bº
José Rodríguez



1 de ago. de 2017

Xentilicio de Bueu: “bueués/bueuesa” ou “bueuense/bueuensa” ?

Fai algo máis de 3 anos (1/2/2014) puxera unha entrada neste blog titulada Xentilicio de Bueu: “Bueuense” ou “Buenense e, xa dende o ano pasado, tiña pensado retomar o tema a raíz de coñecer o libro “Os xentilicios de Galicia[1] do profesor Xosé-Henrique Costas González, Se non o fixen ata o de agora foi por estar á espera de se aparecía algunha directriz, a propósito do libro, por parte do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ou da Asociación Galega de Onomástica (AGON).
Se daquela, 2014, tiña moitas dúbidas sobre «buenense»[2]” (termo que ata me renxía) agora, e logo de ler o libro citado, non teño ningunha dúbida: Eliminado do meu vocabulario!
Por certo, dos milleiros de documentos de todo tipo: notariais, relixiosos, etc. que levo visto nos últimos corenta anos non lembro atopar o xentilicio de Bueu. As poucas veces que o vin foron nalgúns xornais, e todos a partir de 1909 e en artigos ou crónicas en castelán.
Estes días estaba a reler un libro de recente publicación onde eu escribira ... no mundo da salga bueuense...” os correctores[3] puxeron ... no mundo da salga bueués...” corrección que dei por válida sen ser consciente no seu momento e que agora volveu a acender as alarmas que tiña sobre o tema e lembreime da páxina 43 do libro citado onde se da como xentilicio de Bueu: «bueués» / «bueuesa»
Consecuencia disto o vin tamén en Galizionario. Dicionario galego. Wiktionary no enderezo https://gl.wiktionary.org/w/index.php?title=bueu%C3%A9s&oldid=596552 que amosa:
Cáusame un certo pracer pensar que unha das primeiras referencias escritas onde se utiliza o xentilicio «bueués» sexa no libro que asino con outros compañeiros[4].   
E que pasa con «bueuense»[5]? A pesar de estar en case todo de acordo co profesor Xosé-Henrique Costas aínda non sei se seguirei ou non a usar este termo no futuro e de facelo penso que non me causaría ningún trauma[6].
Reflexionen sobre a nova proposta e mentres non haxa directrices claras dos organismos competentes vostedes decidan... Eu xa o teño claro!


[1] O libro pódese ler no seguinte enderezo da Universidade de Vigo: http://anl.uvigo.gal/opencms/export/sites/anl/anl_gl/documentos/Xentilicios.pdf ou reducido en https://goo.gl/rNWQDc . Aínda que aconsellaría lelo todo, dicir que fala de Bueu nas páxinas 14, 25, 32 e 43.
[2] Diario de Galicia do 28/5/1909 páx. 1 e 23/6/1909 páx. 2. En El Pueblo Gallego do 22/3/1924 páx. 6, 1/3/1929 páx. 17 ou do 20/11/1927 páx. 15, 24/2/1928 páx. 8, 24/5/1928 páx. 14, 14/7/1928 páx. 13, 11/11/1928 páx. 9-10, 18/5/1929 páx. 6 10/7/1929 páx. 3, 8/8/1929 pá. 10, 26/3/1930 páx. 9, 26/11/1930 páx. 6, 21/1/1931 páx.11 ou do 5/9/1956 páx 8
[3] Aos que lle agradezo enormemente o seu traballo.
[4] Travesía por tres momentos da Historia de Bueu. Autores: Fructuoso Díaz, Miguel Romaní, Pablo S. Otero, Xosé Manuel Cerviño e Arturo S. Cidrás. Coordinador: Salvador Castro. Edita Deputación de Pontevedra, 2017.
[5] Exemplo disto: A sección “Relieves bueuenses” en El Progreso dos anos 1915 e 1916. Ou  “… el paisaje bueuense,…” que dicía o corresponsal Carballeira en El pueblo Gallego do 25/04/1929 páx. 13. Ou mesmo na crónica deportiva, “… Dávila… único bueuense del equipo” El pueblo Gallego do 24/05/1962 páx. 8. “Con gran satisfación para los bueuenses...” El pueblo Gallego do 24/02/1965 páx. 14
[6] Xa que escribo, dende a modestia e intentando ser rigoroso, para dar, informar, divulgar, poñer en valor, etc. e non para amestrar, pontificar, manipular, influír, impoñer, etc.

24 de xul. de 2017

«Chinchos», con perdón!

Coa chegada do verá vin de lembrar un artigo de Antonio Bóveda no nº 3 da revista mensual Mondariz do 20 de agosto de 1915 (páx. 10-13) titulado “Playas Gallegas” que recollera hai anos.
O seu recordo non era tanto polo artigo en si como pola referencia a como se coñecen os veraneantes...
Nesa época, inicios do século XX , a maioría das persoas que viñan a pasar parte do verán aos pobos do noso litoral eran “campesiños da rexión aos que os médicos receitaron conta a anemia, contra o escrofulose, contra o raquitismo, submersións nas augas iodadas do mar”.
O mencionado artigo compáranos con pobos e praias como a Concha donostiarra e o Sardinero santanderino, etc. indicando que eses pobos saben sacarlle partido ás súas praias e nós,  que posuímos moitas e cunha grande variedade de tipoloxías, non sabemos quitar proveito a pesar das moitas vantaxes “sobre as tan enxalzadas do Norte”.
A culpa de todo débese, a que “os galegos, non soubemos propagar as nosas belezas nin expandir polo mundo as nosas virtudes; antes ao contrario, puxemos especial empeño en achicar o propio para que a alleo se destacase [...]  De aí que as praias galegas sexan pouco frecuentadas; non importando que haxa, ademais do litoral costeiro, aires que son saúde, paisaxes que son de pais escollido, alimentos sans, e de suculencia non igualada, costumes e usos pintorescos, afabilidade nos habitantes”. Como nada diso se promocionou, así nos vai... Se deramos a coñecer as nosas praias, tanto “as de brava e tumultuosa ondada, como A Garda e A Lanzada, e as de mar apracible, como Cangas, Bueu, Ribeira, A Pobra, Muros, Sanxenxo,...
Entre outros, como mal a solucionar indicar a forma de acollelos e de bautizalos con nomes despectivos: “«catalinos», en A Coruña; «mantidos», en Vilagarcía e Marín; «pouroanos», en Vigo”.
Isto lémbrame outros nomes cos que se denominaban en Bueu. Ata os anos cincuenta do século pasado a denominación xenérica aos que viñan a pasar o verán era a de «veraneantes» e que a medida de que comezaron a vir moitos de Madrid, pasouse a identificar a todos como «madrileños». E a partires dos anos sesenta mantendo estes apelativos pero comezou a mesturarse con outros, «jodechinchos» e logo «chinchos», no que se puña de manifesto os inconvenientes que supoñía o aumento da poboación na época estival: encarecementos de prezos pola maior demanda, molestias na utilización de servizos, etc.
Pero na rede hai outras explicacións que vou pór como alternativas:
1º En Terras do Morrazo-Disionario da Rewvolusionaria Academia Morrasense:
Jodechinchos: jichos que invaden os nosos areais mairoritariamente no verán, aínda que alghún ten a súa "2ª" residencia intentando camuflarse na zona. Procedentes do outro lado da ría en grande parte. Gracias a eles tardamos catro horas en cruzar polo medio de Moaña e Cangas, ademáis reducen a velocidade da Vía Rápida, concretamente a 0km/h para protexernos de posibles accidentes, algo bo tiñan que ter. O termo ven de fai moitos anos: un sinal moi indicativo de que está a chegar o vrán no Morraso é que o peix na Plasa dispara o seu presio ata límites insospeitados, cando os chinchos un día van a 6€, o sejinte van a 12€.. e claro, un morrasense auténtico vai buscando a oferta máis baixa por toda a prasa, un turista (madrileño sobre todo) NON, arrampla co primeiro que vexa inda que custe a 20€ o kilo de chinchos. Cando o pobre morrasense vai buscar os chinchos, xa non queda ninjún! e maldice o ceo dicindo "Xa nos viñeron joder os chinchos!!"
Jodechinchos: (en las rías baixas, zona del Morrazo – Galicia), referido a aquellos individuos que resultan molestos en nuestras actividades diarias, aun siendo estos apreciados cuesta soportar su presencia y tienen una gran facilidad para conseguir trastocar nuestros planes.
(normalmente son turistas, que nos ocupan la mesa en el restaurante, o masifican nuestras playas, etc …).
Jodechinchos: Despectivamente, madrileño que acostumbra a pasar parte del verano en algún lugar de las Rías Baixas. Por extensión, forastero. También incluye ourensanos.

Na actualidade estanse a utilizar para referirse aos que nos visitan na tempada de verán como «veraneantes» e nesta e no resto do ano como termo xenérico «turistas» ou «xente de fóra». Parece que imos normalizándonos na linguaxe, pero sobre todo, no respecto aos outros e polo tanto a nós mesmos. Moitos de nós nas nosas vacacións tamén podemos ser «jodechinchos», «chinchos», «catalinos», «mantidos», «pouroanos», etc. e de seguro que preferimos ser un cidadán máis sen ter que levar etiqueta algunha...

16 de xul. de 2017

Festa do Sagrado Corazón de Xesús - Beluso

Fai meses caeu nas miñas mans unha deteriorada fotografía feita por Francisco Lago “Paco Carballal” dunha procesión na honra do Sagrado Corazón en Beluso. Por casualidade púxeme a retocala un pouco e mentres estaba co labor veume á memoria unha crónica lida hai tempo en Galicia, diario de Vigo, na que describía os actos de culto celebrados tal día como hoxe (máis coincidencias!), pero no domingo 15 de xullo de 1923.
Creo que vale a pena transcribir a información pois describe a foto citada e da unha idea clara da relevancia social e relixiosa desta data:
Grande brillantez revestiron os cultos que na honra do Sagrado Corazón de Xesús que se celebraron na parroquia de Beluso. A igrexa presentaba un aspecto fermoso.
Ás sete da mañá do día 15, celebrouse a misa de comuñón.
Na misa solemne ás once tocou maxistralmente a orquestra de D. Ángel Rodulfo, como igualmente na función da tarde.
As conversas do triduo que estiveron a cargo do párroco de Santa Cristina de Campaña don Francisco Chantada, cuxa popularidade e fama de orador grandilocuente é xeral en toda a dioceses. Dirixiu unha vibrante alocución a todas as asociadas do divino Corazón.
Ás seis da tarde deron principio aos exercicios, tocando a orquestra un motetes e a continuación ocupou a sagrada cátedra o referido orador.
A procesión resultou grandiosa. Aínda que moi concorrida en outras ocasións, non o foi tanto como a deste día.
Entre dúas largas filas de fieis con velas acendidas, ía a cruz parroquial, estandarte do Sagrado Corazón de Jesús, que portaba D. Francisco Chantada, recollendo as borlas os xoves D. Juan Davila Davila e D. Salvador Lago Carballal. Catro lindas nenas, con canastreis de flores, ían diante da imaxe. Seguía o párroco D. Ramón Penide Núñez, con capa pluvial acompañado dos coadxutores D. Mariano Álvarez e D. Ramón Torres, e pechando a comitiva a banda de música de Moaña.
Reciba a asociación do Sagrado Corazón de Jesús, o noso parabén e igualmente ao párroco señor Penide Núñez.”

3 de xul. de 2017

Xentes de Bueu con escravos

Non é nada estraño a relación de xentes de Bueu coa escravitude. A pesar de que este son os casos de persoas relacionadas con Bueu que están mellor documentados non son os únicos. Algúns casos máis foron transmitidos oralmente e se referían non tanto a ter escravos na casa como a traficar con eles formando parte de barcos negreiros. Algunhas das fortunas do século XIX e primeiro cuarto do s. XX proviñan desta actividade ilícita. Coñecido era o caso dun de Cela que estando en Cuba dedicábase ao tráfico de persoas graza ao cal mercou moitas propiedades na súa parroquia e no centro de Bueu...

Ano 1562
De Francisco Gago, párroco de Bueu temos constancia documental de que capitaneaba as violentas accións de fregueses do Hío, Aldán e Beluso contra os atalaieiros dos cercos de Cangas. Certo día advertido de que o atalaieiro Alonso Vidal intentou cortar a redes das sacadas do cura e dos seus fillos Francisco e Juan armouse cunha bésta e unha espada. E así, acompañado do seu escravo, cunha lanza, foron detrás do Alonso Vidal que fuxiu cara o seu barco. Pero o cura entrou no barco detrás del e quixo que se dese por preso mentres tanto os fillos e o escravo o atacaban coas armas facéndolle unha ferida nun “braço que lle romperon coiro e carne e saíu sangue...” 
A.Reino Galicia Secc. Veciños Mazo 17465/11, sf.    


Ano 1698
A través do testamento do abade de Bueu e Comisario do Santo Oficio, Fernando de la Rúa e Freire, temos coñecemento que lle deixou ao seu sobriño Baltasar Melchor de la Rúa Freire un escravo  chamado Domingo San José que tiña na súa casa. Este “escravo, mosso alto de corpo, cunha cruz nos peitos, ao lado dereito e outra no braço do mesmo lado que non se declara ben; o cal mercara, fai moitos anos e como tal escravo lle servira na casa fielmente.”
Aínda que o testamento poñía que o escravo lle serviría por espazo de catro anos, Baltasar Melchor acudiu ante un escribán para darlle carta de liberdade “como se lexitimamente lle houbera servido ditos catro anos enteiros”.
A. H. Provincial de Pontevedra

Ano 1830     
 Esteban Antonio del Río veciño de Meiro no seu testamento deixou varias casas e fincas na cidade de Bos Aires e unha casa en Meiro, así como cartos, accións,.. Unha pequena parte do capital foi para o seu sobriño José Antonio del Río e o resto:
Declaro ser a miña vontade que meus dous escravos José e María queden libres despois do meu falecemento, encargo ao meu testamenteiro lles outorgue neste caso a súa respectiva carta de liberdade. Entregándolles ademais todos os mobles e roupas do meu uso, apeiros de labranza e cincuenta pesos a cada un remunerándolles dese modo seus bos servicios e encargándolles continúen prestarmos ata os meus últimos días. Ultimamente cedo en favor de María o Padroado que a Lei acorda sobre os seu fillos e ademais dono á súa filla Inés cen pesos que meu testamentario lle entregará dos meus bens [...]
É a miña vontade que meu testamentario reducindo todo a moeda metálica estableza e funde con todas as seguridades que esixe a Lei. Eu quero tres establecementos a perpetuidade no lugar de meu nacemento A Aldea de Meiro sendo o principal unha escola de primeiras letras; en segundo un facultativo Médico para asistir de gratis a todos os enfermos pobres da freguesía e ademais que esixan a súa asistencia, e o terceiro unha capelanía Eclesiástica coa obriga de dicir unha misa rezada todos os días festivos e de misa...”



17 de xuño de 2017

Relixioso exclaustrado-Cela - 1839

A supresión das Ordes relixiosas e, como consecuencia desta, as Exclaustracións dos relixiosos promulgadas, sobre todo no 1820 e 1835 foi un ataque directo ao estamento relixioso que defendía postulados absolutistas, tradicionalistas... (encarnado nos carlistas) contrarios ao pensamento liberal no poder por esas datas. Tamén foi preludio a un novo asalto ás grandes propiedades ‘improdutivas’ que os mosteiros posuían. O fixeron a través de leis de Desamortización, como a de Mendizábal[1] (1836-37), que afectaron basicamente ás propiedades pertencentes ao clero regular.
Con data 1 de xaneiro de 1839 a Dirección Xeral de Estudos do Goberno central acordou unha serie de requisitos para que os relixiosos exclaustrados e outros[2] puideran establecer escolas públicas de primeira educación, u optar ás dotadas nos pobos sen facer os exames para mestres de primeiras letras. Para iso tiñan que solicitar o título acreditativo presentando os seguintes documentos: certificado de nacemento, certificado de boa conduta, partida de bautismo e atestados do concello e do párroco do pobo de residencia, grados literarios, etc. para, á vista dos documentos resolver se poden ser eximidos ou non do exame. 
A raíz disto parece ser que un monxe exclaustrado, Lorenzo Pereira, residente en Cela eleva unha instancia coa solicitude de exención de exames acompañándoa coa documentación pertinente, ao Xefe Político e Intendente de Pontevedra, José Valladares[3]. Este solicita á súa vez ao alcalde de Bueu, Salvador Marty, que lle informe sobre a conducta política e moral do solicitante:
 Para resolver sobre unha instancia presentada neste goberno político por D. Lorenzo Pereira, relixioso exclaustrado do extinguido convento de Sn Francisco de Monforte, veciño de Sta María de Cela, acordei que ese Concello me manifeste canto lle conste ou poida indagar sobre a conducta política e moral do suplicante, a quen fará V. entender que debe xustificar por medio de certificación non estar suxeito ao servicio militar.

que a V. ms a Pontevedra 26 de Agosto de 1939
José Valladares”


 Da resolución administrativa nada sabemos. A resposta a estar ou non suxeito á obriga do servicio militar si coñecemos que tivo que ser negativa dado que nese mesmo ano Lorenzo Pereira estaba nas listas da Quintas para ser soldado e no reparto e sorteo de prazas, do 9 de febreiro de 1839, celebrado no concello ante o alcalde primeiro Manuel González, sae exento da obriga do servizo obrigatorio. 
E con respecto aos titulados como mestres no concello de Bueu dicir que non figura como tal ata o ano 1844. Polo que ata agora seguimos sen saber se lle deron ou non o titulo de mestre de primeiras letras.


[1] Juan Álvarez Mendizábal, ministro da rexente Mª Cristina de Borbón.
[2] Sacerdotes secularizados de Escolas Pías, graduados de bacharel en facultades maiores…
[3] José Valladares Como Gobernador Civil tamén neste período era Presidente da Deputación

1 de xuño de 2017

Xornal "La Esquina" - Bueu

Dende novembro de 1967 a febreiro de 1968 saíu á rúa un xornal-mural titulado La Esquina. O nome veulle dado por pretender ser un “espazo ou lugar onde comentar, criticar, informar ...” .
Curiosamente comezou a estar exposto na esquina fronte á de Ferrolán, (onde hoxe está o comercio de “A de Rosita” -Rosa Diéguez-). Nese lugar xuntábanse para falar, comentar, criticar, etc., cando o tempo o permitía, os homes que frecuentaban os bares e cafeterías próximas á intersección das rúas Pazos Fontenla e Eduardo Vincenti (Ferrolán, Bar Fénix, Bar Santaclara, Fazáns, ...).
 Como ao estar á intemperie coa chuvia a tinta e as acuarelas dos debuxos manchaba todo e mesmo se desfacía, deron en poñelo, coa autorización de Luís Santaclara, na sala de TV do seu Bar.
Os talleres de impresión era o local da capela de San Xosé. A ‘tirada’ era de un exemplar e a periodicidade semanal. Os primeiros tres ou catro números eran un prego de papel de tamaño DIN A1 (84,1 x 59,4 cm). Logo cada exemplar pasou de un a catro pregos.
Os primeiros exemplares ían asinados coa autorización do alcalde José Mª Massó (idea que xurdiu dos mesmo ‘redactores’ para poñelo con tranquilidade).
A información eran columnas de noticias ou de inquietudes dos mozos que o confeccionaban relacionadas coa actualidade fundamentalmente de Bueu.
Exemplo dunha desas noticias foi cando apareceu reproducido (como imaxe da noticia) o azulexo da Biblioteca Popular que aínda pode verse na porta lateral do concello. Pero a columna ‘periodística’ estaba relacionada có misterio e dúbidas do que podería haber dentro do local. Era unha sátira por anunciarse unha Biblioteca e ninguén podía acceder a ela pois non existía en realidade.
Outros temas recorrentes era sobre as películas que poñían en carteleira. Para iso aproveitaban o folleto parroquial onde se facía a cualificación moral  das películas e, as veces, se alguén vira a película facía un pequeno resumo do argumento. Tamén chegáronse a criticar as condicións das mesmas instalacións do cine como foi o caso do artigo de José Antonio García onde denunciaba, entre outras, o cheiro e as malas condicións dos asentos.

Os promotores, redactores, impresores, etc. que particiron nel foron Paco González, José Riobó (Seso), Gonzalo Calviño, José Antonio García...

20 de maio de 2017

Pans con selo incorporado-1902

A causa das xeneralizadas denuncias pola falta de peso no pan o concello de Bueu decide tomar partido e insta ao alcalde a que o resolva.
O alcalde, José Rodríguez, ese mesmo día saca unha Providencia propoñéndolles aos panadeiros adquiran un selo para poñer no pan o peso en gramos:
Providencia
       Visto o acordado polo Concello Sesión de hoxe, convóquese a esta Consistorial para as catro da tarde á os panadeiros deste Municipio e fágaselles entender que adquiran un selo para gravar no pan que elavoreney nel que consignen os gramos que pesa cada peza. Así o acordou o Sr. Alcalde Don José Rodríguez Estévez na Consistorial de Bueu á trinta de xunio de mil novecientos dous do que eu Secretºcertifico

José Rodríguez 


A continuación o Secretario convoca aos panadeiros de Bueu para informarlles da Providencia tralo cal asinou a seguinte Notificación:
Notificación
       Na Consistorial de Bueu á trinta de xunio de mil novecentos dous, eu o infrascripto Secretario tendo ante min aos Srs Don Lorenzo Barreiro Dobarro, José Fernández sen segundo e Manuel Romero sen segundo veciños os tres desta vila panadeiros con fornos de cocer pan; línlles integramente a providencia anterior; quedaron enterados e en prouba dilo asinan..."  



Cabe pensar que algún efecto tivo esta medida, polo menos nun primeiro momento, xa que en realidade non hai ningunha constancia documentada.

11 de maio de 2017

Radiografía dun obreiro da construción - 1941

Vou aproveitar a resposta a unha enquisa solicitada polo Director Xeral de Arquitectura del Madrid á alcaldía bueuense para coñecer moitas das situacións polas que pasaban os obreiros da construción, na posguerra (1941), no concello de Bueu.
Aínda que as respostas son xenéricas e a veces non se axustan correctamente ás preguntas dan un panorama de gran precariedade neste sector no que “non hai paro obreiro”. Como sería noutros sectores?
 1.     Censo de obreiros da construción o 1º de xaneiro de 1941. Arredor de 310.
2.    Porcentaxe do paro obreiro. Non existe nesta rama de traballo.
3.    Rendemento comparativo do obreiro en 1920, 1930 e 1940. Igual.
4.    Xornais de Oficial, Axudante e Peón. 13, 11 e 9 pesetas.
5.    Xornal necesario para cubrir as necesidades mínimas de cada categoría de obreiro. 25, 20 e 15 pts. respectivamente.
6.    Condicións da vivenda obreira. Do total delas, un 2% corresponde a casas tugurios, equivalente ao 3% respecto ás casas modestas.
7.     Renda media da vivenda para o propietario e límites de aluguer para o obreiro. Como renda poderá obterse o 4% e o aluguer oscila entre 15 e 50 pts. mensuais. obreiro en vestiario
8.    Gasto mensual do obreiro en vestiario e calzado. 50 pts. para o máis imprescindible.
9.    Gasto mensual do obreiro en alimentación. 200 pts.
10. Outros gastos. 40 pts. mensuais.
11.  Gasto total mensual resultante e se hai diferencia entre ingresos incluíndo subsidio. Son compensados comendo e vestindo mal.
12. Promedio, tomando como tipo o obreiro casado e con 3 fillos menores. Gasto mínimo mensual: alimentación 400 pts; vestido e calzado 50; vivenda 25; outros gastos 25.
Bueu 31 – 3 - 1941

1 de maio de 2017

Medo a que os traballadores se manifesten o 1 de Maio - 1932

O 30 de abril de 1932 o gobernador civil da provincia envía un telegrama aos alcalde, ao de Bueu tamén, polo que lle pon en coñecemento que non se autoricen manifestacións nin mitins ao aire libre coa escusa de evitar enfrontamentos entre as distintas organizacións obreira.
O telegrama do gobernador:
“En previsión desordenes públicos os encontros entre elementos obreiros distintas tendencias particípolle no debe autorizar manifestacións ni mitins ao aire libre o 1º de maio podéndose autorizar outros actos proxectándose en locais pechados, excursións ou xiras ao campo adoptando, caso necesario, as debidas medidas de precaución e dándome conta oportunamente,
Gobernador Civil”
 
O alcalde respondeu co seguinte Decreto:
“Recibido o precedente telegrama do Goberno Civil da provincia, notifíquese do seu contido aos presidentes das Sociedades obreiras deste termo, para que se absteñan de saír no día de mañá con motivo da festa do Traballo, 1º de Maio, en manifestación pola vía pública, autorizándose en cambio reunións en locais pechados e excursións ou xiras ao campo dentro da maior orde e compostura. A infracción que se observe será enerxicamente reprimida.
Bueu 30 de abril de 1932”
Asinado : Jesus Prieto
 Este Decreto foi notificado nas distintas Sociedades polo garda municipal Manuel Palmeiro:
Na Sociedade de Agricultores a Francisco Pérez
Na Sociedade de Oficios Varios, ao seu secretario, Manuel Loira
Na Sociedade de Mariñeiros, ao seu secretario, Manuel Agulla
Na Sociedade de Canteiros, ao seu presidente, José de la Torre