3 de xul. de 2017

Xentes de Bueu con escravos

Non é nada estraño a relación de xentes de Bueu coa escravitude. A pesar de que este son os casos de persoas relacionadas con Bueu que están mellor documentados non son os únicos. Algúns casos máis foron transmitidos oralmente e se referían non tanto a ter escravos na casa como a traficar con eles formando parte de barcos negreiros. Algunhas das fortunas do século XIX e primeiro cuarto do s. XX proviñan desta actividade ilícita. Coñecido era o caso dun de Cela que estando en Cuba dedicábase ao tráfico de persoas graza ao cal mercou moitas propiedades na súa parroquia e no centro de Bueu...

Ano 1562
De Francisco Gago, párroco de Bueu temos constancia documental de que capitaneaba as violentas accións de fregueses do Hío, Aldán e Beluso contra os atalaieiros dos cercos de Cangas. Certo día advertido de que o atalaieiro Alonso Vidal intentou cortar a redes das sacadas do cura e dos seus fillos Francisco e Juan armouse cunha bésta e unha espada. E así, acompañado do seu escravo, cunha lanza, foron detrás do Alonso Vidal que fuxiu cara o seu barco. Pero o cura entrou no barco detrás del e quixo que se dese por preso mentres tanto os fillos e o escravo o atacaban coas armas facéndolle unha ferida nun “braço que lle romperon coiro e carne e saíu sangue...” 
A.Reino Galicia Secc. Veciños Mazo 17465/11, sf.    


Ano 1698
A través do testamento do abade de Bueu e Comisario do Santo Oficio, Fernando de la Rúa e Freire, temos coñecemento que lle deixou ao seu sobriño Baltasar Melchor de la Rúa Freire un escravo  chamado Domingo San José que tiña na súa casa. Este “escravo, mosso alto de corpo, cunha cruz nos peitos, ao lado dereito e outra no braço do mesmo lado que non se declara ben; o cal mercara, fai moitos anos e como tal escravo lle servira na casa fielmente.”
Aínda que o testamento poñía que o escravo lle serviría por espazo de catro anos, Baltasar Melchor acudiu ante un escribán para darlle carta de liberdade “como se lexitimamente lle houbera servido ditos catro anos enteiros”.
A. H. Provincial de Pontevedra

Ano 1830     
 Esteban Antonio del Río veciño de Meiro no seu testamento deixou varias casas e fincas na cidade de Bos Aires e unha casa en Meiro, así como cartos, accións,.. Unha pequena parte do capital foi para o seu sobriño José Antonio del Río e o resto:
Declaro ser a miña vontade que meus dous escravos José e María queden libres despois do meu falecemento, encargo ao meu testamenteiro lles outorgue neste caso a súa respectiva carta de liberdade. Entregándolles ademais todos os mobles e roupas do meu uso, apeiros de labranza e cincuenta pesos a cada un remunerándolles dese modo seus bos servicios e encargándolles continúen prestarmos ata os meus últimos días. Ultimamente cedo en favor de María o Padroado que a Lei acorda sobre os seu fillos e ademais dono á súa filla Inés cen pesos que meu testamentario lle entregará dos meus bens [...]
É a miña vontade que meu testamentario reducindo todo a moeda metálica estableza e funde con todas as seguridades que esixe a Lei. Eu quero tres establecementos a perpetuidade no lugar de meu nacemento A Aldea de Meiro sendo o principal unha escola de primeiras letras; en segundo un facultativo Médico para asistir de gratis a todos os enfermos pobres da freguesía e ademais que esixan a súa asistencia, e o terceiro unha capelanía Eclesiástica coa obriga de dicir unha misa rezada todos os días festivos e de misa...”



17 de xuño de 2017

Relixioso exclaustrado-Cela - 1839

A supresión das Ordes relixiosas e, como consecuencia desta, as Exclaustracións dos relixiosos promulgadas, sobre todo no 1820 e 1835 foi un ataque directo ao estamento relixioso que defendía postulados absolutistas, tradicionalistas... (encarnado nos carlistas) contrarios ao pensamento liberal no poder por esas datas. Tamén foi preludio a un novo asalto ás grandes propiedades ‘improdutivas’ que os mosteiros posuían. O fixeron a través de leis de Desamortización, como a de Mendizábal[1] (1836-37), que afectaron basicamente ás propiedades pertencentes ao clero regular.
Con data 1 de xaneiro de 1839 a Dirección Xeral de Estudos do Goberno central acordou unha serie de requisitos para que os relixiosos exclaustrados e outros[2] puideran establecer escolas públicas de primeira educación, u optar ás dotadas nos pobos sen facer os exames para mestres de primeiras letras. Para iso tiñan que solicitar o título acreditativo presentando os seguintes documentos: certificado de nacemento, certificado de boa conduta, partida de bautismo e atestados do concello e do párroco do pobo de residencia, grados literarios, etc. para, á vista dos documentos resolver se poden ser eximidos ou non do exame. 
A raíz disto parece ser que un monxe exclaustrado, Lorenzo Pereira, residente en Cela eleva unha instancia coa solicitude de exención de exames acompañándoa coa documentación pertinente, ao Xefe Político e Intendente de Pontevedra, José Valladares[3]. Este solicita á súa vez ao alcalde de Bueu, Salvador Marty, que lle informe sobre a conducta política e moral do solicitante:
 Para resolver sobre unha instancia presentada neste goberno político por D. Lorenzo Pereira, relixioso exclaustrado do extinguido convento de Sn Francisco de Monforte, veciño de Sta María de Cela, acordei que ese Concello me manifeste canto lle conste ou poida indagar sobre a conducta política e moral do suplicante, a quen fará V. entender que debe xustificar por medio de certificación non estar suxeito ao servicio militar.

que a V. ms a Pontevedra 26 de Agosto de 1939
José Valladares”


 Da resolución administrativa nada sabemos. A resposta a estar ou non suxeito á obriga do servicio militar si coñecemos que tivo que ser negativa dado que nese mesmo ano Lorenzo Pereira estaba nas listas da Quintas para ser soldado e no reparto e sorteo de prazas, do 9 de febreiro de 1839, celebrado no concello ante o alcalde primeiro Manuel González, sae exento da obriga do servizo obrigatorio. 
E con respecto aos titulados como mestres no concello de Bueu dicir que non figura como tal ata o ano 1844. Polo que ata agora seguimos sen saber se lle deron ou non o titulo de mestre de primeiras letras.


[1] Juan Álvarez Mendizábal, ministro da rexente Mª Cristina de Borbón.
[2] Sacerdotes secularizados de Escolas Pías, graduados de bacharel en facultades maiores…
[3] José Valladares Como Gobernador Civil tamén neste período era Presidente da Deputación

1 de xuño de 2017

Xornal "La Esquina" - Bueu

Dende novembro de 1967 a febreiro de 1968 saíu á rúa un xornal-mural titulado La Esquina. O nome veulle dado por pretender ser un “espazo ou lugar onde comentar, criticar, informar ...” .
Curiosamente comezou a estar exposto na esquina fronte á de Ferrolán, (onde hoxe está o comercio de “A de Rosita” -Rosa Diéguez-). Nese lugar xuntábanse para falar, comentar, criticar, etc., cando o tempo o permitía, os homes que frecuentaban os bares e cafeterías próximas á intersección das rúas Pazos Fontenla e Eduardo Vincenti (Ferrolán, Bar Fénix, Bar Santaclara, Fazáns, ...).
 Como ao estar á intemperie coa chuvia a tinta e as acuarelas dos debuxos manchaba todo e mesmo se desfacía, deron en poñelo, coa autorización de Luís Santaclara, na sala de TV do seu Bar.
Os talleres de impresión era o local da capela de San Xosé. A ‘tirada’ era de un exemplar e a periodicidade semanal. Os primeiros tres ou catro números eran un prego de papel de tamaño DIN A1 (84,1 x 59,4 cm). Logo cada exemplar pasou de un a catro pregos.
Os primeiros exemplares ían asinados coa autorización do alcalde José Mª Massó (idea que xurdiu dos mesmo ‘redactores’ para poñelo con tranquilidade).
A información eran columnas de noticias ou de inquietudes dos mozos que o confeccionaban relacionadas coa actualidade fundamentalmente de Bueu.
Exemplo dunha desas noticias foi cando apareceu reproducido (como imaxe da noticia) o azulexo da Biblioteca Popular que aínda pode verse na porta lateral do concello. Pero a columna ‘periodística’ estaba relacionada có misterio e dúbidas do que podería haber dentro do local. Era unha sátira por anunciarse unha Biblioteca e ninguén podía acceder a ela pois non existía en realidade.
Outros temas recorrentes era sobre as películas que poñían en carteleira. Para iso aproveitaban o folleto parroquial onde se facía a cualificación moral  das películas e, as veces, se alguén vira a película facía un pequeno resumo do argumento. Tamén chegáronse a criticar as condicións das mesmas instalacións do cine como foi o caso do artigo de José Antonio García onde denunciaba, entre outras, o cheiro e as malas condicións dos asentos.

Os promotores, redactores, impresores, etc. que particiron nel foron Paco González, José Riobó (Seso), Gonzalo Calviño, José Antonio García...

20 de maio de 2017

Pans con selo incorporado-1902

A causa das xeneralizadas denuncias pola falta de peso no pan o concello de Bueu decide tomar partido e insta ao alcalde a que o resolva.
O alcalde, José Rodríguez, ese mesmo día saca unha Providencia propoñéndolles aos panadeiros adquiran un selo para poñer no pan o peso en gramos:
Providencia
       Visto o acordado polo Concello Sesión de hoxe, convóquese a esta Consistorial para as catro da tarde á os panadeiros deste Municipio e fágaselles entender que adquiran un selo para gravar no pan que elavoreney nel que consignen os gramos que pesa cada peza. Así o acordou o Sr. Alcalde Don José Rodríguez Estévez na Consistorial de Bueu á trinta de xunio de mil novecientos dous do que eu Secretºcertifico

José Rodríguez 


A continuación o Secretario convoca aos panadeiros de Bueu para informarlles da Providencia tralo cal asinou a seguinte Notificación:
Notificación
       Na Consistorial de Bueu á trinta de xunio de mil novecentos dous, eu o infrascripto Secretario tendo ante min aos Srs Don Lorenzo Barreiro Dobarro, José Fernández sen segundo e Manuel Romero sen segundo veciños os tres desta vila panadeiros con fornos de cocer pan; línlles integramente a providencia anterior; quedaron enterados e en prouba dilo asinan..."  



Cabe pensar que algún efecto tivo esta medida, polo menos nun primeiro momento, xa que en realidade non hai ningunha constancia documentada.

11 de maio de 2017

Radiografía dun obreiro da construción - 1941

Vou aproveitar a resposta a unha enquisa solicitada polo Director Xeral de Arquitectura del Madrid á alcaldía bueuense para coñecer moitas das situacións polas que pasaban os obreiros da construción, na posguerra (1941), no concello de Bueu.
Aínda que as respostas son xenéricas e a veces non se axustan correctamente ás preguntas dan un panorama de gran precariedade neste sector no que “non hai paro obreiro”. Como sería noutros sectores?
 1.     Censo de obreiros da construción o 1º de xaneiro de 1941. Arredor de 310.
2.    Porcentaxe do paro obreiro. Non existe nesta rama de traballo.
3.    Rendemento comparativo do obreiro en 1920, 1930 e 1940. Igual.
4.    Xornais de Oficial, Axudante e Peón. 13, 11 e 9 pesetas.
5.    Xornal necesario para cubrir as necesidades mínimas de cada categoría de obreiro. 25, 20 e 15 pts. respectivamente.
6.    Condicións da vivenda obreira. Do total delas, un 2% corresponde a casas tugurios, equivalente ao 3% respecto ás casas modestas.
7.     Renda media da vivenda para o propietario e límites de aluguer para o obreiro. Como renda poderá obterse o 4% e o aluguer oscila entre 15 e 50 pts. mensuais. obreiro en vestiario
8.    Gasto mensual do obreiro en vestiario e calzado. 50 pts. para o máis imprescindible.
9.    Gasto mensual do obreiro en alimentación. 200 pts.
10. Outros gastos. 40 pts. mensuais.
11.  Gasto total mensual resultante e se hai diferencia entre ingresos incluíndo subsidio. Son compensados comendo e vestindo mal.
12. Promedio, tomando como tipo o obreiro casado e con 3 fillos menores. Gasto mínimo mensual: alimentación 400 pts; vestido e calzado 50; vivenda 25; outros gastos 25.
Bueu 31 – 3 - 1941

1 de maio de 2017

Medo a que os traballadores se manifesten o 1 de Maio - 1932

O 30 de abril de 1932 o gobernador civil da provincia envía un telegrama aos alcalde, ao de Bueu tamén, polo que lle pon en coñecemento que non se autoricen manifestacións nin mitins ao aire libre coa escusa de evitar enfrontamentos entre as distintas organizacións obreira.
O telegrama do gobernador:
“En previsión desordenes públicos os encontros entre elementos obreiros distintas tendencias particípolle no debe autorizar manifestacións ni mitins ao aire libre o 1º de maio podéndose autorizar outros actos proxectándose en locais pechados, excursións ou xiras ao campo adoptando, caso necesario, as debidas medidas de precaución e dándome conta oportunamente,
Gobernador Civil”
 
O alcalde respondeu co seguinte Decreto:
“Recibido o precedente telegrama do Goberno Civil da provincia, notifíquese do seu contido aos presidentes das Sociedades obreiras deste termo, para que se absteñan de saír no día de mañá con motivo da festa do Traballo, 1º de Maio, en manifestación pola vía pública, autorizándose en cambio reunións en locais pechados e excursións ou xiras ao campo dentro da maior orde e compostura. A infracción que se observe será enerxicamente reprimida.
Bueu 30 de abril de 1932”
Asinado : Jesus Prieto
 Este Decreto foi notificado nas distintas Sociedades polo garda municipal Manuel Palmeiro:
Na Sociedade de Agricultores a Francisco Pérez
Na Sociedade de Oficios Varios, ao seu secretario, Manuel Loira
Na Sociedade de Mariñeiros, ao seu secretario, Manuel Agulla
Na Sociedade de Canteiros, ao seu presidente, José de la Torre

23 de abr. de 2017

Hórreos na praia de Bueu -1868

Ao longo do tempo constátase a presencia de hórreos na longa praia que era o fronte marítimo de Bueu. Dende os hórreos de Pescadoira ata o que estaba xunto á salga de Galup o “A Requisa” na Banda do Río que segundo me dixeron é un dos que están no pazo de Santa Cruz. Pero o que agora quero exporlles é o que ocorreu con dous deses hórreos...
  Na Sesión Ordinaria do Pleno do Concello de Bueu do día 29 de abril de 1868, presidida polo alcalde Manuel González Plá, e como único punto do día trátase da pretensión de Dn Gaspar Massó e Dn Jaime Bolibar de seguir mantendo uns hórreos construídos por eles  na praia fronte ás súas respectivas casas. A denuncia para que se mantivese expedita a praia viña da Comandancia de Mariña e o concello dálles 15 días de prazo para que os retiren, como así o fixeron. 

Recreación en foto de 1907
A transcrición da Acta desta sesión:
“... Desuse conta das solicitudes que elevaron á Alcaldía Dn Gaspar Massó e Dn Jaime Bolibar pedindo se lles permitise conservar no sitio que hoxe están , ou sexa próxima, o do primeiro, á Consistorial e fronte á súa respectiva casa o do segundo, os hórreos que implantaron na Praia desta Vila, toda vez segundo as disposicións tomadas pola Axudantía de Mariña en Bueu á limpeza da mesma e que estivese desembarazada de todo estorbo, parece quere privarse de telos na paraxe que se recoñecen; e como non pode toleralo nin consentilo o Concello porque ademais de esquecer os seus deberes choca directamente coas medidas adoptadas pola citada Axudantía á quen se dispensou a reparacións debidas para levalas a feliz termo, considerando ademais, que outras persoas secundando a aquelas, desviaron os que tiñan fronte as súas casas no sitio de Pescadoura e finalmente que non se lles recoñece dereito de propiedade sobre o terreo no que se implantaron os citados hórreos, acorda o Concello por unanimidade se lle denegue aos expresados Dn Gaspar Massó e Dn Jaime Bolibar a pretensión que intentan, aínda que concedéndolles por un trazo de consideración quince días de termo a cada un para que os retiren e fagan desaparecer do sitio trasladándoos a onde mellor lles acomode sempre que non estorben, comunicándolles así polo señor Presidente. Co o cal levantouse a sesión. Tras todo o cal e certifico”
      Sinatura do alcalde e concelleiros presentes

13 de abr. de 2017

Bando do alcalde de Bueu para que se celebre o día da República-1932

Co gallo da “conmemoración do establecemento do Réxime republicano” o alcalde de Bueu, Jesús Prieto García publica un Bando para que o pobo celebre como día festivo este evento o 14 de abril.
Transcrición do texto:
“DON L. JESÚS PRIETO GARCÍA, ALCALDE DO CONCELLO DE BUEU.
                   FAI SABER: Que declaro o día de mañá de festa nacional en conmemoración do establecemento do Réxime republicano, implantado pola vontade do pobo na súa función soberana do 12 de abril do pasado ano, é un deber inescusable que me dirixa aos meus conveciños, sen distinción de clases ni categorías, amantes todos do ben da Patria, para que , exteriorizando a satisfacción polo sistema que nos rexe, principio e medio de toda democracia, téñase como tal día de festa a cuxa fin, encarezo engalánense os balcóns con colgaduras das cores da ensina nacional, e se paralicen os traballos e pechen os comercios, estes desde a hora de once por darse a circunstancia de ser día de mercado.
Bueu 13 de abril de 1932

Carimbo da Alcaldía e sinatura de Jesús Prieto

 

1 de abr. de 2017

Bueu: Equivalencia de Pesos e medidas tradicionais co S. Métrico Decimal

Hoxe imos achegarnos ao momento no que os concellos, como o de Bueu, tiveron que lexislar para adaptarse, na práctica, ao que dispuña a Lei de pesas e medidas de 19 de xullo de 1849[1]. Deixar as medidas tradicionais e adaptarse ao Sistema Métrico Decimal non foi nada doado. Algunhas unidades de pesas e medidas duraron, na súa adaptación definitiva, algo máis dun século.


Texto oficial do...

O Concello Municipal de Bueu

 Segunda varias disposicións vixentes, as pesas e medidas que deben usarse nos pobos da Península, deben ser arranxadas ao novo sistema métrico decimal; e para as transaccións neste distrito municipal proponse as modificacións que a continuación se anotan.
No Distrito de Bueu existen como tipos as pesas e medidas sigs (seguintes) para medir:
Trigo  centeo.............
1 ferrado de 12 concas, equivalente a 20 litros 86 cents
Millo e feixóns..........
1 ferrado de 16 concas, equivalente a 26 litros 80 cents
Graos e sementes......
1 conca, equivalente a 1 litro 738 cents
O viño e Agte. con.....
1 calabazo, que seu peso é de 40 libras castelás equivalentes a 18 litros 0 87 mils, conten 40 cuartillos.
O viño e Agte. con....
1 cuartillo, que pesa 1  libra castellá
 O viño ....................

1 pipa compútase con 26 cabazos, e resulta igual ás que marcan en Galicia 60 vergas, e en Cataluña 63 ½ cortes, conten o peso de 1040 libras castelás equivalentes á 478 quilogramos-500 gramos.

Os terreos................

1 vara de 13 cuartas galegas, equivalente a 2 metros 728 mils

Os terreos................
1 ferrado de sementeira, comprende 64 varas cadradas, de 13 cuartas, é equivalente a 643 varas castelás cadradas, e á 5 áreas 00 centiáreas 97 mil2.

Panos e lenzos..........

1 vara castelá de 4 palmos, equivale a 836 milims

Outros efectos..........
1 vara de 4 cuartas galega equivale a 861 milims
Outros usos..............
A braza nominal de 8 cuartas galegas igual a 1 metro 721 milims
Aceites...................
A medida arroba castelá de 25 libras, equivalentes a 12 litros 563 mililitros. = e para o menudeo = o cuartillo e as súas divisións
O peso...................
1 libra castelá de 16 onzas equivale a 460 gramos e ademais seus submúltiplos, arroba e quintal.
O peso....................
1 libra galega de 20 onzas, equivale a 579 gramos e ademais seus múltiplos e submúltiplos: arroba e quintal.

A modificación de pesas e medidas arranxadas ao sistema métrico decimal poden usarse baixo os tipos seguintes
Poderá usarse para medir:
Trigo o centeno.......
1 ferrado de 20 litros, equivalente a 11 concas 50 cents dos cales 5 equivalen a 1 hectolitro. = tipo nos cereais.
Millo e feixóns........
1 ferrado de 25 litros, equivalente a 14 concas 38 cents dos cales 4 computan 1 hectolitro, = tipo nos cereais
Viño.....................



Viño.....................
(outro cabazo)
1 cabazo de 18 ½ litros, que pesara 39 libras 80 centes castelás igual a outros tantos cuartillos, dos cales 26 cabazos  computaran unha pipa que conteña 468 litros, pesando 476 quilogramos 424 gramos, equivalentes á 1035 libras castelás. = Para completar un hectolitro precísanse 5 cabazos e 10 litros máis.
Dobre decalitro
1 cabazo de 20 litros (dobre decalitro), que pesara 44  libras 23 cents castelás igual a 44’23 cuartillos, e para computar 1 pipa precísanse 24 cabazos, contendo 480 litros, pesando 488 quilogramos 640 gramos.
Para medir e pesar

O viño...................

Y 400 gramos equivalentes a 1062 ls castelás = Para completar un hectolitro precísanse 5 cabazos que é o tipo fixado nos líquidos. O cómputo dunha pipa con este cabazo ten de aumento 22 libras.

Graos e sementes....

1 conca de 2 litros equivale á 1 conca 15 cents

Os terreos................

1 vara de 28 decímetros = equivale a 13 cuartas galegas das que 64 cadradas computan 5 áreas 00 centiáreas igual a un ferrado de sementeira de medida actual. = A hectárea é tipo nas agrarias, polo que se compara con 100 áreas.= a 20 ferrados de sementeira.

Panos lenzos
e outros efectos
1 metro equivalente a 1 vara 7 pulgadas 00 líneas de castela = e igual a 1 vara 5 pulgadas 9 ½ líñas de Galicia.  (A castelá= 1’196   A galega = 1’ 157)

Os aceites.............
1 litro equivalente a 1 libra 990 mil2.
1 decalitro = 10 litros, equivale a 19 libras 9/10

O peso.............

1 libra de ½ quilogramo, equivale a 17 onzas 33 cens
1 quilogramo = dos cales 11 ½ é unha arroba, e 46 igual a 1 qq castellano, e 57 ½ equivale a 1 qq de Galicia.



 1 hectárea son 20 ferrados de sementeira = 1 ferrado de sementeira = 8 ferrados de millo…

 1 hectárea son 20 ferrados de sementeira = 1 ferrado de sementeira = 8 ferrados de millo…




[1] O seu Regulamento pódese ler no arquivo dixital da Biblioteca Nacional de España no seguinte enderezo: http://bdh-rd.bne.es/viewer.vm?id=0000092980&page=1

19 de mar. de 2017

San Xosé en Bueu (1917) e en Castrelo-Cela (1928)

Hoxe celebran o día das Pepas e Pepes. Isto me fai lembrar de seres queridos que xa non están: a avoa Mamá Pepa, a nai Josefa, os irmáns José Ignacio e Mª José, os tíos José, etc. Tamén dos que aínda podemos gozar coa súa presenza, sexan familiares, amigos, veciños ou persoas que coñecemos ou non. Antes de nada darlles os meus Parabéns!
A todos dedico esta entrada do blog onde citarei a dúas celebracións do día de San Xosé: 
  • A primeira será a da parroquia de Bueu no ano 1917. A información da que parto está recollida no xornal La Provincia do 25 de marzo de 1917 na páxina 6. Celebráronse o venres 18 e sábado 19 e, ao parecer, con bastante éxito. Así se resume a descrición das mesmas: Actuou a banda de exploradores que dirixía o mestre Serrano. Houbo carreira de bicicletas que gañou Remigio Rodal, de Cangas, ao que lle entregaron unha figura de arte e de segundo quedou Attilio Gaggero, residente en Bueu, que recibiu unha pitilleira de prata. A función relixiosa, procesión, lugar onde estaba a imaxe do santo, etc. era a ‘Capela Vella’ localizada no lugar da Praia preto de Pescadoira. Ás 6 da tarde do sábado 19 partiu desde aí a procesión: “Alí vimos dúas larguísimas filas de homes e mulleres, o máis distinguido deste pobo, con velas acendidas. O fermoso estandarte do rico propietario señor Nores[1]”. Os que levaban a anda coa imaxe de San Xosé[2] eran seis ‘Pepes’ que ían escoltados por seis garda civís.   Os ‘Pepes’ citados eran : Cerqueiro, Madrigal, López, Rodríguez, Lago e Prieto; todos “xoves distinguidos”. En canto á festa profana fálase de bailes tamén nas sociedades ‘Liceo Casino’ e ‘Círculo Mercantil’.
  •  A segunda refírese á unha festa “ao ar libre” que se veu de celebrar o luns, 19 de marzo de 1928, no lugar de Castrelo-Cela para a que solicitara autorización o veciño de Cela Agustín Garrido Freire.


[1] A súa muller era a dona da casa “Capela Vella”.
[2] Que fora donada por Gerónimo Galup.

8 de mar. de 2017

Equidade - 1881

Sentimentos encontrados preséntanse cada xornada que aparece “Día internacional de...” que as Nacións Unidas e as súas Axencias elixen para “marcar aspectos importantes da vida humana e da historia”. Enténdese que haxa que lembrar, poñer o punto de mira, etc. en aspectos fundamentais para a vida e a convivencia das persoas que viaxamos neste autobús planetario que é a Terra.  Pero faise como se os condutores foxen os Trump, as Merkel, os Rajoy,... ou como se os grandes poderes financeiros foran os donos da empresa do autobús. E ata como se as grandes multinacionais da enerxía, da informática, da tecnoloxía, etc. foran as concesionarias da peaxe por desprazarnos ou as que nos abasteceran do combustible que nos move polo espazo. E todos achantamos sen decatarnos de que son as forzas gravitacionais as que nos trasladan ao seu antollo. E que ninguén, e digo ninguén (persoa, empresa, nación, ideoloxía, deus, etc.) nos dirixe.
A pesar de todo, sumámonos con plenitude de conciencia e intencionalidade a poñer de manifesto a falta de equidade por sermos mulleres ou homes, altos ou baixos, diferentes ou iguais, fortes ou débiles, sans ou enfermos, de aquí ou de alí,...[1] e o vou facer, en contraposición ao dito ata agora, sen grandes alfaremes, coa voz tranquila e reivindicativa dos veciños de Beluso reclamando, un 14 de xullo de 1881, unha escola de nenas para a súa parroquia:
 “Ao Concello Constitucional de Bueu
Os que subscriben [...] á corporación municipal respectuosamente acoden expoñendo: Que miraron con singular pracer o celo do Concello e o desexo que lle anima por difundir a instrución creando na próxima parroquia de Cela unha escola de rapazas tan necesaria como beneficiosa, é ao mellor desenvolvemento e fomento da educación da muller circunstancia que os que subscriben teñen sen reserva que aplaudir; por máis que ben desexaran obtivese aquela o grao de elemental completa, pero non obtén a súa categoría. Non pode por menos que recoñecer o beneficio que reporta a súa instalación.
Dígnase na actitude do Concello o fixar a escola de que se trata ten de recoñecer o municipio o principio supremo do dereito que consiste na equidade, e en tal concepto, e seguros os que subscriben dos bos propósitos da municipalidade, cren firmemente que terá que atendese, axustarse e subordinar a súa acción aqueles prexuízos, pois a que se o demanda a xustiza máis severa.”
Equidade palabra que, con outras, nos aportan valores universais, non ideolóxicos, e que nos animan a adherirmos ás intencións e fins do “Día Internacional da muller traballadora” que hoxe celebramos.
Nota: De botar, botaría en falta o “Día internacional do Sentido Común” (e o mellor día para celebralo: os 365 días do ano) pois así non sería necesario reivindicar tantas cousas que terían que ser normais neste autobús...



[1] Se vos fixades un pouco só veredes persoas.

1 de mar. de 2017

Destituído o alcalde de Bueu por culpa dunhas copas - 1939

O día 26 de novembro de 1938, pouco despois das 9 da noite, Perfecto García Lemos achábase na compañía duns amigos nunha casa de comidas preto da súa vivenda e solicitou ao taberneiro lles servira unhas copas. Vendo isto un Axente de Policía Marítima do Distrito de Bueu llo recriminou por estar expresamente prohibido o consumo de alcol nas tabernas, bares e casas de comidas de toda a provincia, a partires da primeira hora da noite, por orde do Delegado de Orde Público. Situación que provocou un pequeno altercado entre ambos incrementado pola actitude de Perfecto García ao sentirse investido de autoridade como alcalde que era do concello de Bueu.
O incidente xerou unha denuncia ante o Gobernador Civil do Axente de Policía Marítima. Denuncia que se transformou un mes despois nunha comunicación do gobernador que “autorizado pola Superioridade”  decide cesalo no seu cargo e substituílo, como alcalde, polo Xestor da Corporación, José Mª Massó García que toma posesión do seu cargo ás 11 horas do día vinte catro de xaneiro de 1939 en detrimento do que viña exercendo como tal, Perfecto García Lemos. Na acta “Promete o D. José Mª Massó García cumprir ben e fielmente o seu cometido dándose por tomado posesión da Alcaldía e despois de cambiar frases de saúdo e mutuo afecto entre o Alcalde que cesa e o entrante...”