11 de out. de 2015

Proxecto e presuposto da igrexa San Martiño de Bueu - 1860

No expediente relacionado coas obras e proxección en planta do proxecto de igrexa parroquial en San Martiño de Bueu atopámonos coas seguintes noticias que aquí resumo:
En canto á xustificación da necesidade dunha igrexa nova:
-          Pouca capacidade da vella dada a ampla veciñanza que posúe.
-          Por estar as súas paredes agretadas e ter esborralles notábeis e socavados gran parte dos cimentos.
-          Coas madeiras que arman o tellado e teito do templo, enteiramente inútiles e con desprendementos que ameazan próxima ruína.
-          Por ser tal o estado de todo o edificio que non admite reparación algunha que o sacase da ruína.
Por todo iso o arquitecto Domingo Lareo[1] fixo o proxecto, que se adxunta, do novo templo. “Proxecto o máis sinxelo en ornato e económico no custo”. Para contratar a licitación e construción das obras do citado proxecto puxo as seguintes condicións:
-          Cimentos dun metro, termo medio, de fondura.
-          O contratista non podería comezar a facer os cimentos sen o previo recoñecemento dos mesmos polo arquitecto.
-          Feitos os cimentos e asentado o soleado trazarase o perímetro que  ocuparan o groso das paredes coa asistencia do facultativo.
-          O zócalo exterior e interior que reciben as paredes, as faixas dos esquinais, as pilastras, os estribos, doelas dos arcos, [...] a fachada e paredes que constitúen, a torre, o lousado de toda a igrexa sancristía e a súa escaleira será o cadeirado da illa de Tambo e as paredes do corpo da igrexa e sancristía de cachotaría perpiaños asentados en morteiro de cal e area , [...] O recebo e chaira que ha de cubrir as paredes de cachotaría pola parte interior e exterior do templo [...] Para as revocaduras ou brancos daranse as mans que sexan necesarias con calea de cal puro.
-          As madeiras a empregar no tellado serán de carballo e castaño e, despois de montada, daranlle unha man de alcatrán.
-          Nos vans de luz poñeranse reixas de cadrado, a excepción da reixa da fachada que será de adorno.
-          A bóveda da igrexa será de medio canón.
Coma resumo do presuposto:
Importe total da obra                              160.689,9 reais
Por valor de materias da igxexa actual   16.818,0 reais
Cantidade ofrecida pola veciñanza         10.000,0 reais
Cantidade sobre os fondos do Estado   133.871,9 reais
Pontevedra 26 de xullo de 1860

Nota: Ver artigo relacionado saído neste mesmo blog 0 3/5/2015: O Concello pecha a igrexa de Bueu.



[1] Domingo Laredo Quintela naceu en Santiago de Compostela no 1791. Un dos poucos arquitectos, con Alejo Andrade, José Mª Noya, Santiago Estévez,… que na primeira metade do século XIX tiñan título pola Real Academia de Belas Artes de San Fernando.

1 de out. de 2015

Aparatos de radio incautados en Bueu

No mes de xullo de 1936 as autoridades requisaron, entre outras cousas, os aparatos de radio que había nas mans de particulares do concello de Bueu. Pasados os meses, e examinados os expedientes políticos dos seus donos, foron devoltos. Máis a algúns, pese a ser afectos ao Réxime, tiveron que reclamar o seu aparato. Tal foi o caso de dous industriais de A Graña. Un era dono dun aparato de radio marca Clarion, modelo 470 tipo 2  e o outro da marca Philips nº 5976 tipo 634. Logo de pedir de novo os informes ao posto da garda civil e recibidos estes de forma favorábel o alcalde decreta lle sexan devoltos case un ano despois (maio de 1937).

Clarión 470
Philips tipo 634

27 de set. de 2015

Unha gaita de Beluso pioneira na Armada Española


No ano 1939 créase en Cartagena (Murcia) a primeira banda de “gaitas galegas” na Infantería de Mariña Española. A “culpable” de que se constituíse esta, e de que nos actos da Armada Española houbese “representación da música galega”, foi dunha gaita de Beluso e do seu dono Manolo Barros Comedeiro, naquel tempo infante de mariña.
Conformaban a banda 32 gaitas mercadas nun establecemento da rúa Velázquez Moreno de Vigo. O encargado de recollelas e transportalas ata Cartagena foi o mesmo Manuel Comedeiro. Os compoñentes eran case que todos galegos e mallorquinos; e a primeira peza que tocaron fora “Baila, miña Maruxa”. Participaron no “Desfile da Victoria” dese ano e ese foi o empurrón para que se consolidara a ”banda de gaitas na Infantería de Mariña”.
Pero se queredes coñecer as reviravoltas polas que se chegou a iso teredes que ler o relatorio  do profesor Staffan Mörling, “A gaita galega nas bandas de música da Infantería de Mariña Española” no libro titulado “Albeites, compoñedor@s e menciñeir@s” que conten uns 20 artigos coordinados por Antón Patiño[1], ou, de non poder facerse con el, atoparédelo neste enderezo:  https://bit.ly/2kZmgej ou neste outro da revista Aunios nº 12:   https://bit.ly/2sSLIpr

[1] Libraría Librouro de Vigo, editora do libro.

15 de set. de 2015

Festa dos mozos en Beluso

Tal como recolle La Correspondencia Gallega do 26 de setembro de 1907 na súa páx. 2  houbera, o domingo 22 dese mes unha festa cívico relixiosa, baixo a advocación da Virxe do Carme. Hai unha descrición a polo miúdo o que nos serve para ter unha idea do transcorrer dese evento:
Houbo bo fogo de artificio e de aire confeccionado polo pirotécnico Iglesias de Bueu; as vésperas estiveron moi animadas e concorridas, amenizando as festas as músicas de “La Lira” de Ribadavia y el “Eco de Moaña”; dúas bandas mellores que a mellor charanga ben organizada”. Logo fala da misa solemne con orquestras e coros e do sermón do P.Silos, Capuchino do convento de Vigo.
O artigo remata comentando o “tráxico remate” destas festas cun “homicidio frustrado dun mozo de Cela, ocorrido ás dúas da madrugada do luns na taberna coñecida co nome de ‘Pepa Sabela’ establecemento no que víñanse celebrando os bailes dominicais, con que os xoves obsequiaban ás familias e cuxos produtos constituían uns dos emolumentos para sufragar as dúas ou tres mil pesetas que lle custan estas celebérrimas festas”.  

1 de set. de 2015

O pobo de Bueu non ten aceite

Ante a carencia absoluta de aceite por parte da poboación civil do concello de Bueu a Alcaldía-Delegación local pide á casa “Massó Hermanos S.A.”, fabricantes de conservas, o faciliten para repartir entre os conveciños.
Atendendo á petición dun dos seus membros[1] a familia Massó fai entrega ao concello, o catro de abril de 1951, da cantidade de 2.500 kg de aceite de oliva.
Desta entrega hai constancia posterior nunha certificación asinada polo tenente de alcalde do concello bueuense.


Nota: Grazas a Manuel Aldao por facilitar a información.



[1] Alcalde José Mª Massó García

22 de ago. de 2015

Procesión marítima na illa de Ons - 1930

Hoxe e mañá están a celebrarse as na Illa de Ons as festas na honra de San Xoaquín. Vou a pór o cartel anunciador das mesmas para facilitar ao que desexe achegarse ata a illa este fin de semana o faga coñecendo algunhas das actividades que se realizaran nestas festas 2015.
O domingo, día 23 hai unha misa cantada pola Coral Polifónica de Beluso e  procesión ao peirao.

A raíz disto que lembrar que noutros tempos, anos trinta do século pasado, a procesión tamén era marítima.  Constancia gráfica disto o temos, da man do fotógrafo Ocaña, na hemeroteca de El Pueblo Gallego do venres 22 de agosto de 1930 na súa páxina 8.


13 de ago. de 2015

Biblioteca O Progreso -1938

A Sociedade de Agricultores de Beluso solicitou a o Patronato das Misíons Pedagóxicas unha Biblioteca. Para que sexa informado polo concellos a Inspección de 1ª Ensinaza solicita un informe á Xunta Local de Educación de Bueu. Esta informa favorablemente “fundándose en que concedéndolle a dita Biblioteca poderá difundir a cultura entre os seus asociados e servirá para levar o mellor termo moitos dos actos culturais que nela se organizan”.

4 de ago. de 2015

A festa dos mozos, Bueu 1905

As festas dos mozos[1] de Bueu non foron patrimonio das nosas parroquias xa que noutras da contorna tamén víñanse a celebrar e ata perduraron máis no tempo. A data exacta do inicio da Festa dos Mozos en Bueu non consta documentalmente pero si pode dicirse que foi entre 1888 e 1895 cando se puxeron de acordo, para tratar de unir ás súas mocidades, os curas de Bueu e Beluso, D. Cándido Alvarellos Arjomil[2] e José Antonio Ferro Baliño[3].
Por sorte, para documentar estas autorías quedounos un artigo de Luís Dueñas no diario pontevedrés La Correspondencia Gallega  no setembro do 1905 que a continuación transcribo:         
“A festa dos mozos”
“Así se chama a que, a inspiracións dos Curas párrocos de Bueu e Beluso, Sres. Alvarellos, de grata memoria, e Ferro, de xerais simpatías, fundouse hai algúns anos nestas parroquias, e que agora, despois dunha curta, inxustificada interrupción, volve celebrarse nesta vila, con maior animación e entusiasmo, grazas á actividade dos mozos solteiros, á cooperación do Liceo de Artesáns, e á subscrición popular, xenerosamente apoiada por estes veciños.
Estas festas de Xullo, como o dixo La Correspondencia Galega, foron fermosas manifestacións de entusiasmo popular e social, con esfumados perfís, de movemento relixioso, a animación non decaeu un momento durante o tres días; e de todos os números do festival, como se dicía antigamente, foi admirablemente cumprido o das regatas marítimas, sorprendente espectáculo, que deixará indeleble recordo e grata memoria neste país. Eu que afago probar coa infalible estatística do número, tomei ao oído a cifra de catro mil pesetas,  que se gastaron nestas festas, é dicir; tanto como en Vigo e Pontevedra nas do Cristo ou da Peregrina.
 Podemos asegurar, e desde logo predicímolo, que a mocidade e o Liceo de Artesáns de Bueu sinalarán con pedra branca, como fausto acontecemento, este ensaio de rexeneración no fermoso chan que encerran e dominan os montes de Udra, A Esculca e Liboreiro.



[1] Esclarecedor, documentado, complementario e imprescindíbel para entender estas festas é o artigo “As festas dos mozos na parroquia de Bueu” de Xosé Manuel Cerviño Meira na revista Pontenova nº 3, páxinas 11-20, editada pola Deputación de Pontevedra no 1998.
[2] De 1884 ata decembro de 1896.  O 14-4-1988 foi nomeado alcipreste interino do partido do Morrazo. No 1896 marcha para Betanzos. O motivo do seu concurso para outra parroquia foi o forte enfrontamento cós mozos da parroquia pola organización da festa da xuventude. A división no pobo foi moi grande que se viu reflectida na petición ao Arcebispo, por parte do concello, para que non o trasladara.
[3] Natural de Cesures. Estivo en Beluso do 1-6-1888 ata o seu falecemento, o 17-1-1917.