22 de feb. de 2014

Dende Bueu sentencian: O Liberalismo é pecado

Comezaba o ano 1901 e España tiña coma monarca Rexente a María Cristina de Habsburgo-Lorena e coma Presidente do Consello de Ministros ao conservador Marcelo Azcárraga. En Bueu o alcalde era Miguel Nogueira Fraguas e o xuíz de Paz o avogado Joaquín Pimentel dono do Pazo de Sta. Cruz. E como que a historia dos últimos séculos está salpicada de episodios máis ou menos virulentos na que a relixión está no epicentro da loita política polarizada, ao arredor destas datas, entre o conservadorismo[1] e liberalismo[2].
Calquera ocasión, calquera medio era aproveitado para a confrontación dialéctica e moito máis se estaban preto dunhas Eleccións Xerais como a que acabou co triunfo liberal de Sagasta (1901) e que en Bueu acendeu aos máis integristas[3] que arroupados baixo as ideas de Cándido Nocedal e a revista El Siglo Futuro fan públicas, neste último medio, as súas ideas máis “clericais” e conservadoras tal como podemos ler facendo bandeira como máxima do título do libro de Sardá “El Liberalismo es pecado”:


[1] Tendencia política ou ideolóxica que defende a orde social, as ideas, os valores e as institucións tradicionais (RAG)
[2] Conxunto de doutrinas ou ideas que tenden a asegurar a liberdade política e de conciencia fronte ao poder do Estado (RAG)
[3] Xa dende finais do reinado de Isabel II.

15 de feb. de 2014

Bueu: Tres días loitando coas ondas

 Foi a pasada semana de violentos temporais e apunto estiveron de perecer un pobre mariñeiro e tres criaturas, fillas súas, coas que saíra á pesca nun bote pequeno.
Sen poder regresar a Bueu nin arribar á illa de Ons, mantivéronse no mar, próximos á illa, pasando ímprobos traballos, achicando o bote noite e día, loitando coas ondas durante tres días.
Ao amainar un pouco o temporal, foi o vapor dos Srs. Massó a buscalos, traendo o bote a remolque, e aos case náufragos a bordo do vapor.
O mariñeiro que correu estas aventuras, é o coñecido, por Nacidas

1 de feb. de 2014

Xentilicio de Bueu: “Bueuense” ou “Buenense”

Todos os dicionarios que coñezo de xentilicios[1], onde aparece o do topónimo Bueu dan coma correcto o de bueuenses pero...  
... xa hai anos que un ilustre, veraneante primeiro e veciño despois, chamado D. Antonio Olea Casas me fixo partícipe ao través dun amigo común da súa inquedanza[2] sobre o tema e das consultas á Real Academia Española de la Lengua e á Real Academia Galega como máximas autoridades lingüísticas. Da Real Academia Galega non tivo resposta, que eu saiba, pero si da Real Academia Española da que adxunto copia da misiva e da contestación:




[1] Exemplo: “Diccionario de Gentilicios y Topónimos” de Daniel Santano y León (Edit. Paraninfo 1981 páx. 59),  no “Gentilicios españoles de Tomás de la Torre Aparicio (Edit. Visión, 2006 na páx. 113) ou no Diccionario ideológico de la lengua española” de Julio Casares (Gustavo Gili, 1992)

[2] Ata esas datas nos meus escritos utilizaba indistintamente “bueneses” ou “bueuenses” pero con dúbidas e temor pola posible incorrección dun dos termos. Desde aquela alterno os xentilicios pero gústame un pouco máis, para designar o lugar de orixe dunha persoa nacida en Bueu, o de "bueuense". Cada quen que elixa!

24 de xan. de 2014

Quen pon o cura de Bueu?


Hoxe, sen dúbida, a xerarquía eclesiástica da Dióceses de Santiago de Compostela mais cando nos primeiros días do mes de xaneiro de 1929 había que substituír a vacante do cura de San Martiño de Bueu, por falecemento do seu titular, D. Juan Martínez Casamande[1], plantexouse a quen lle correspondía nomealo. Esta vez lle tocaba a pronunciación á Coroa xa que o Padroato do curato de Bueu dividíase en tres termos, para a súa representación: Un do marqués de Castelar, outro do convento de Armenteira e o terceiro do convento de Poio. Mais a raíz de extinguirse estes privilexios, por parte dos devanditos mosteiros[2]. estes dous dereitos de representación pasaron á Coroa.
Esta noticia tamén é recollida en termos semellante polo xornal La Vanguardia do xoves 3 de xaneiro na súa páx. 12


[1] Morrera o 18 de novembro anterior aos 77 anos. Era natural de Sta Uxía de Ribeira. Na súa enfermidade e meses posteriores ao seu falecemento a parroquia era asistida polo cura D. Antonio Lojo Vidal. Ao longo de dous anos foron pasando curas, máis ou menos de forma provisional, ata que no decembro de 1930 xa temos ao lembrado por moitos D. Ángel Rama Lestón.
[2] Algún mosteiro xa desaparecido como comunidade, como o de Armenteira

11 de xan. de 2014

Curiosidades dos alcaldes de Bueu


- Os que máis anos estiveron de alcalde:
o    JOSÉ MARÍA MASSÓ GARCÍA, 32 anos, de 1939-1971
o    MANUEL FREIRE LINO, 12 anos, de 1983-1995
o    MIGUEL NOGUEIRA FRAGUAS, 10 anos (1894-95; 1897-1902; 1912-1914; 1920-1923)
- Alcaldes máis votados:
o   FÉLIX JUNCAL NOVAS (2011)         ….. 4.609 votos
o   TOMÁS BARREIRO SOTELO (1999) …. 3.522 votos
- Alcalde en varias lexislaturas/ocasións:
o   Máis de oito:
§  JOSÉ MARÍA MASSÓ GARCÍA (1939-1971)
o   En cinco:
§  MANUEL GONZÁLEZ PLÁ (1837-1839;1863-1865; 1867-1868; 1873-1877; 1887-1890) 
o    En catro:
§  MIGUEL NOGUEIRA FRAGUAS (1894-1895; 1897-1902; 1912-1914; 1920-1923)
§  FÉLIX JUNCAL NOVAS (2003-2004; 2007- 2011; 2011-2015; 2015-)
o    En tres:
§  JOSÉ RODRÍGUEZ ESTÉVEZ (1891-1894; 190-1906; 1914-1918)
§  MANUEL FREIRE LINO (1983-1987; 1987-1991; 1991-1995)
o    En dúas:
§  SALVADOR MARTY (1838-1839; 1854-1856)
§  NARCISO GALUP VERGÉS (1843; 1877-1883)
§  RAMÓN PLÁ AVALLE (1854; 1861-62)
§  MANUEL ANTONIO BARES (1862-1863; 1868-1869)
§  LUÍS JESÚS PRIETO GARCÍA (1924-1925; 1931-1934)
§  CAMILO DAVILA DAVILA (1925-1930; 1936-1937)
§  RAMÓN DOMÍNGUEZ FERRADÁS (1931; 1934-1936)
§  XOSÉ NOVAS PIÑEIRO (1979-1983;  1995-1999)
- Primeiro alcalde de Bueu: JUAN FONTENLA SOTELO
- Primeiro alcalde da democracia: XOSÉ NOVAS PIÑEIRO (1979-1983)
- Primeira alcaldesa: ELENA ESTÉVEZ FREIRE (2004-2007)
- Alcaldes Deputados Provinciais:
o   RAMÓN DOMÍNGUEZ FERRADÁS foi Presidente da Deputación
o   JOSÉ Mª MASSÓ GARCÍA foi Deputado no 1949-63
o   MANUEL FREIRE LINO foi Deputado Provincial (1987-1991).
- Pai e fillo alcaldes:
o    PERFECTO GARCÍA NOGUEIRA (1931) e PERFECTO GARCÍA LEMOS (1937-1939)
- Bisavó (2º avó) e bisneto alcaldes:
o    ALONSO ANTONIO AVILA Y LA CUEVA GUTIERREZ (1840-1843) de JOSÉ GÓMEZ DE LA CUEVA (JOHÁN CARBALLEIRA)  (1936)
- Tío e sobriño alcaldes:
o   AGUSTÍN PLÁ AVALLE (1856-1859) e RAMÓN PLÁ AVALLE (1854; 1861-62) eran tíos de  MANUEL GONZÁLEZ PLÁ (1837-1839;1863-1865; 1867-1868; 1873-1877; 1887-1890) 
o   JOSÉ MASSÓ FERRER (1890-91) tío de JOSÉ Mª MASSÓ GARCÍA (1939-1971)
o    MIGUEL NOGUEIRA FRAGUAS (1894-1895; 1897-1902; 1912-1914; 1920-1923)  tío de PERFECTO GARCÍA NOGUEIRA (1931) e  tío segundo de PERFECTO GARCÍA LEMOS (1937-1939)
- Irmáns alcaldes:
o    AGUSTÍN PLÁ AVALLE (1856-1859) e RAMÓN PLÁ AVALLE (1854; 1861-62).
o    AGUSTÍN GARCÍA PARADA (1910-1912) e JOSÉ GARCÍA PARADA (1918-1920)
- Eran curmáns:
o   FRANCISCO DOMÍNGUEZ CABANILLAS (1930-1931) e RAMÓN DOMÍNGUEZ FERRADÁS (1934-1936).
 (Non se trataban pero respectábanse moito. Anécdota: Na boda de Francisco todo o viño era das bodegas de Ramón (de Cela) pero este non asistiu a ela.

1 de xan. de 2014

Luís Camões descendente da bueuensa Urraca Lorenzo?

Non serei quen de facer “patria” e adxudicar procedencia bueuense a Miguel Miró, Macías,… e agora ao maior poeta da lingua portuguesa, nada menos que a Luís Vaz de Camões (1524-1580) pero…
Frei Martín Sarmiento di[1] que ”Manuel Faria e Sousa, no comentario das Lusíadas, fai ao Camoens galego e descendente de Vasco Pérez Camoens, cabaleiro da familia dos Camaños[2], señores da casa de Rubiáns. Faria di que Vasco Pérez Camoens pasou a Portugal[3] no ano de 1370 a servir ao rei don Fernando, e que alí herdou grandemente, e que o tal Vasco foi ascendente do famoso poeta Luís Camoens…”
“…Cando Vasco Pérez Camoens saliu de Galicia, só chamábase Camoens, o que se proba cunha sinatura que lín no Arquivo de Poio, paseo de Pontevedra, que di así o ano 1270, cen anos antes que Vasco Pérez salise de Galicia: ‘Ego Ferdinandus Ruderici de Camoens, filius quondam Ruderici Petri, eiusdem, et Urrace Laurentii de Bueu et de Pedrozo’ (‘Eu Fernando Ruy de Camoes, fillo de Ruy Pedro, del mesmo e de Urraca Lorenzo de Bueu e de Pedrozo”).


[1] Recollido por Henrique Monteagudo en “De historia natural y de todo género de erudición. Obra de 660 pliegos” Vol. IV de Martín Sarmiento. Santiago, Consello de Cultura Galega, 2008.

[2] Sarmiento noutro parágrafo (4958) de Obra de 600 pliegos, anteriormente citada: “A voz Camoens formouse así. Na freguesía de San Xoán de Camaño (onde estiven) cara Corubedo, en Galicia, houbo unha abadía, do cal abade lin unha sinatura: “Abbas Camanensis”. Aínda que no “Onomástica galega II : onimia e onomástica prerromana e a situación lingüística do noroeste peninsular : actas do segundo coloquio”, Leipzig, 17 3 18 de outubro de 2008 hai un artigo titulado “Toponímia prelatina na documentación medieval en Galicia” : ‘ … O mesmo sufixo (-ONES) pare estar na orixe do topónimo rexistrado como Camones, Camões Camoes na documentación medieval en galego, nome dunha parroquia do concello de Nigrán (Pontevedra), de onde procede o apelidod célebre poeta portugués’. E encanto a orixe do apelido, ‘…impiden aceptar a opinión que emparentaba este topónimo e apelido con outros topónimos e apelidos galegos como Caamaño/Camaño ou  Camouco’(FILGUEIRA, 1993: 35-36)

[3]Estos e outros cabaleiros, como xa dixen, pasaron de Galicia a Portugal por non querer obedecer a Enrique II, asasinado xa D. Pedro (I O Cruel)…”

29 de dec. de 2013

Concelleiro de Bueu analfabeto e non paga impostos

Como é lóxico pensar non se trata de ningún dos concelleiros habidos no último século. Resaltar que durante este tempo accederon ao noso concello, de forma electa, persoas cada vez mellor preparadas.
Con todo o xornal A Unión Católica do 14/12/1889 na súa páxina 3 citando ao O Anunciador, de Pontevedra dá a noticia da existencia dun concelleiro de Bueu que, a parte de ser analfabeto, non paga os impostos a Facenda. Faio nos seguintes termos:

Di  El Anunciador, de Pontevedra, que en Bueu, hai un concelleiro que non sabe ler nin escribir, que asiste puntualmente ás sesións nos dous anos que é concelleiro e que non paga contribución algunha ao Estado, faltándolle aínda dous anos para cesar no seu cargo”.

23 de dec. de 2013

A Lotería de Nadal toca en Beluso

Na lotería de Nadal do ano 1918 deixou un premio 5.000 pesetas en Beluso. O número agraciado con 25.000 pesetas foi o  8.791. Vendido na Administración de Loterías da rúa madrileña de Preciados.

Dous destes décimos lévaos abonado o Sr. Rogelio Val Barros, médico de Beluso. Tamén un décimo dese número o tiña abonado un de Cangas.
A noticia aparece na páx. 3 en El Día (“Diario de la noche”). Pero aínda máis relevante é o tratamento que lle da aos premios (un 50 % do xornal) mesturando a información coa política. Así vemos que comeza logo dos titulares: “Díxose moitas veces que España é unha nación ingobernable. Non o creades. Ese é un tópico que inventaron os políticos, esporeados pola mesquiña condición humana de achacar cada cal aos demais a culpa dos seus propios desacertos. España é o pobo máis dócil, máis condutible da terra. O que ocorre é que non se sabe conducir…”  e así segue con frases máis ou menos patrioteiras poñendo a “caldo” ata o que considera “lotería para ricos”.  Cando fala de cando saíu o Segundo Premio faino nos seguintes termos: “O número 53.084 foi agraciado con tres millóns que apenas saído do bombo declarouse autonomista, integral, sinalagmático e até bilateral e fóillenos a Barcelona.  - Non hai dereito! Isto é para contentar a Cambó!- óuvese dicir no público”.

1 de dec. de 2013

Manuel A. Bares recibido polo xeneral Primo de Rivera

Tal como recolle o xornal El Imparcial do 6 de decembro do 1929 páx. 8, o Xefe de Goberno, xeneral Miguel Primo de Rivera recibiu na casa da Presidencia, o xoves 5, de 7-9 ½ da noite, a acostumada audiencia diplomática.

O mesmo Primo de Rivera dou referencias das audiencias, ao remate destas,  a un grupo de xornalistas: embaixadores de Francia e de Inglaterra, ministro de Santo Domingo, encargado de negocios de Chile, etc. e entre unha poucas persoas máis atopamos ao Bueuense, Manuel Antonio Bares Giráldez que, en verbas atribuídas ao Presidente: “é unha das figuras españolas máis interesantes en América; de gran corazón e entendemento, pensa, traballa e sinte a pesar dos seus moitos anos, e non se declarou en folga contra a vida nacional nin contra a humanidade”.
Sirva  esta audiencia e gabanzas do personaxe, como algo a ter en conta na biografía deste escritor, xornalista, banqueiro, etc. de renome na Arxentina, seu país de acollida; e bastante descoñecido no seu pobo natal: Bue

22 de nov. de 2013

Bueu e a "Violencia de xénero"

Ante o 25 de novembro “Día Internacional contra a violencia de xénero” que se conmemoran dende 1999 avalado pola ONU[1]  Quero aportar, a título de exemplo,  evidencias desta lacra no Bueu do pasado, que espero non ilustren o presente, e mostrar a valentía para afrontar o problema dalgunhas mulleres a pesar de vivir nunha sociedade machista. 

Para comezar a petición de divorcio (saída natural)  que a todo transo está disposta a enervar ante calquera Tribunal competente xa que non quere e “non pode por mais tempo vir soportando o maltrato frecuente que na súa casa recibe” por parte do seu marido, sogra e cuñada[2]. Esta decisión, sempre difícil, vese complicada pola posición social da demandante e polas datas da que estamos a falar: verán do 1868 e muller de salgadeiros (con varios almacéns ou fábricas de salga en Marín, Bueu e Beluso).

Varias máis son as demandas de separación e divorcio e todas elas precedidas de execrables vivencias por parte das mulleres que as presentan. Tal é o caso tamén de Pilar X. X. que no novembro do 1885 acusa[3] ao seu marido Antonio Z.Z. “por ser público e notorio lle prodiga constantemente maltrato de obra e de palabra máis cruel a ameaza con frecuencia de privarlle da vida…”.  Describindo a continuación actos vandálicos por parte do seu marido que de non mediar outras persoas poderían haber acabado coa súa vida. Nos feitos denunciados expóñense ata máis de sete ocasións de maltrato e de perigo para a súa vida na que había testemuñas que impediron o fatal desenlace. E como non podía ser doutro xeito (xa que se da en case  todos os casos) o marido di “que sempre a tratou con consideración e cariño non habendo mediado máis diferenzas entre os dous que esas pasaxeiras e insignificantes que ocorren en todos os matrimonios e que deron marxe ao adaxio aquel ’que no hay casa mantenida que no sea reñida’ Polo tanto o expoñente non pode recoñecer na súa muller dereito algún para separarse del, posto que non existe motivo de ningunha clase para caso tan extremo e lonxe, diso chame neste momento á súa muller ao orde para que cese de promover actos desta natureza que teñen que redundar en prexuízo dela e tamén dos fillos… ”. 
Vaia elemento!

E, como un exemplo máis das múltiples casuísticas, dicir que se da o caso[4] de acusación ao seu marido por insultos e imputacións falsas de incesto. Chegado o  momento conciliatorio previo a entaboar querela criminal para a solicitude de divorcio ámbalas dúas partes recoñecen a súa culpa e provocacións. O que “ambas partes manifestan que se perdoan reciprocamente” facendo no mesmo acto, en documento[5] extraxudicial, o reparto equitativo dos seus bens[6].

Quero expresar a miña solidariedade con todas as mulleres que sofren violencia de calquera tipo!


[1] Xa que dende xullo de 1981 o 25 de novembro fora declarado día “Internacional contra a Violencia cara a muller” no 1º Encontro Feminista de Latinoamérica e do Caribe celebrado en Bogotá (Colombia).
[2] Destas últimas, a parte do maltrato, “ata o extremo de escasearlle o alimento e ter que mendigalo fora da casa
[3] Antes de interpoñer demanda de divorcio no Tribunal Eclesiástico da cidade de Santiago
[4] Como o ocorrido na parroquia de Cela nos primeiros días do ano 1911.
[5] Facéndoo por duplicado e levando cada un copia do mesmo.
[6] Tanto parafernais e outros da muller como da Sociedade conxugal

9 de nov. de 2013

Sociedade "Unidos de Bueu" - 2

Aquí temos a portada do folleto que se repartiu para o Xantar da sociedade “Unidos del ayuntamiento de Bueu (nun principio  “Hijos de Bueu en América”) . Dicir que o debuxo da portada do folleto que aparece na imaxe pertence ao publ
icista Federico Ribas, nese momento (1938) nomeado Presidente Honorífico da Sociedade.  Quero pór en valor as necesidades de manter, lonxe do “terruño” unha identidade de pobo, de festexar a festa do patrón para aproveitar a reunirse ó redor da mesa alomenos unha vez ao ano,  poñer mecanismos de axuda,…
Pero quen mellor definen os seus obxectivos son os Estatutos da Sociedade. Vexamos os primeiros artigos destes…

ESTATUTOS
Nome e obxecto da Sociedade
Artigo 1º.- Con domicilio en Bos Aires, Capital da República Arxentina, constitúese unha Institución que se denominase “Hijos de Bueu en América” prol fomento do progreso; fundada o día once de Novembro do ano mil novecentos vinte e tres, por iniciativa de trinta e tres fillos do Concello de Bueu, Provincia de Pontevedra (España).
Artigo 2º.- Un dos principais fins da Sociedade é fomentar o espírito de asociación e unión entre os fillos do Concello de Bueu, residentes en América.
Artigo 3º.- A Sociedade será instrutiva e recreativa e practicase a axuda mutua entre os seus asociados establecendo estes ou outros servizos que encadren dentro da cultura e bos costumes a medida que os seu recursos llo permitan. A Comisión Directiva encargarase de rexer estes servizos mediante Regulamentos especiais sancionados pola Asemblea.
Artigo 4º.- Subvencionar e instalar por conta da Sociedade, escolas de ensino primario, mesmo artes e oficios dentro do Municipio de Bueu, por iso proveraas dos libros necesarios adoptados polos Consellos Escolares das Repúblicas Hispano-Americanas, a fin de preparar alumnos que ao vir a estes continentes sexan útiles para si mesmos como igualmente ao país onde han de empregar as súas actividades.
Artigo 5º.- A Sociedade encargásese de protexer aos recentemente chegados ao país, que non conten con familia ou medio propios para iniciarse, procurando empregalos, socorréndoos en caso necesario con anticipos de pequenas cantidades para as súas máis urxentes necesidades coa obrigación expresa de devolver o anticipado á Sociedade axiña que como lles sexa posible; como garantía dos devanditos anticipos deberán presentar os seus documentos persoais que acrediten a súa boa conduta e ademais deberá ser presentado por dous socios que se fagan responsables das sumas que se lle entreguen.
Artigo 6º.- A Sociedade encargarase da repatriación dos socios que por enfermidade se visen obrigados por prescrición médica a regresar ao seu país natal, e non dispoñan dos medios necesario, facilitándolles a pasaxe e cincuenta pesos en efectivo, sempre que os fondos da Caixa social excedan dun mil pesos moeda nacional de curso legal.
Para ter dereito a estes beneficios requírese a antigüidade de dous anos de socio e estar ao día no pago das súas cotas.
Artigo 7º.- Organizaranse veladas científicas e literarias; festivais, excursións deportivas e todo canto a xuízo da C.D. poida servir de recreo aos socios e beneficie aos intereses da Sociedade, ben sexa moral ou materialmente.
………

1 de nov. de 2013

Fotógrafo de Bueu 2º Premio nacional en 1921

Moita xente de Bueu sabe da afección e bo facer no campo da fotografía do conserveiro Attilio Gaggero. O que case todos descoñecíamos era que esta “paixón“ tamén a compartía o seu amigo Salvador Lago. E non o debía facer nada mal pois Salvador Lago Carballal, de 23 anos, fillo dos salgadeiros da praia de Beluso, Clemente Lago e Eduarda Carballal, aparece na páxina 22 do xornal ABC do 7 de novembro de 1921 como gañador do 2º premio nacional de fotografía convocado pola empresa estadounidense KODAK baixo o lema “Escenas del veraneo”.
A parte do premio, en efectivo de 500 pesetas (Unha cantidade moi importante neses anos e para que teñamos referencia comparativa dicir que supón o soldo de dous meses dun catedrático de universidade ou o soldo de máis de seis meses dun obreiro) a súa fotografía gañadora estivo exposta nunha galería, na Avda. do Conde de Peñalver en Madrid.
Da bágoa pensar que puidera perderse toda a súa obra fotográfica... Esperamos que no fora así e que algún día a poidamos ver... 

O cura de Ermelo demanda a fregués pola “alma da súa xogra”

En San Martiño de Bueu a catorce días do mes de outubro de 1845 celebrouse un acto ante o alcalde D. Manuel Guimeráns, por unha parte, o demandante, Joaquín Suarez, cura párroco de Ermelo e, como demandado, o seu fregués José Martínez. Os motivos da demanda: Non completar os funerais prescritos, “segundo a súa clase”, así como que tamén lle faltaban por aplicarlle as misas afeitas “polo ben da” alma da súa sogra que vivira na súa casa e había falecido facía seis meses. José Martínez negábase a pagar o importe de tales actos.
O cura lle pedía ao alcalde que lle impuxese pagar a contía de cincocentos cincuenta reais, importe das misas e dereitos,  xa que estaba “obrigado en conciencia”.
O José Martínez deféndese dicindo de xa que a súa sogra morreu sen “disposición algunha testamentaria” só obrígase a pagar 120 rs que se corresponderían co importe de sesenta misas.
Como resolución do Alcalde, e tras o ditame dos “homes bos” de ambas partes en litixio, “providénciase” que o demandado pague antes de seis días o “total do importe dos dereitos funerarios, segundo estea en costume na súa parroquia, e das misas que deben aplicarse polo ben da alma da súa defunta sogra igual en esta á que se executara coa do marido da mesma...”.

Parece ser que o demandado seguiu nas súas... 
Descoñecemos se ao final  a sogra, o cura e o fregués díscolo descansaron “en paz”.

12 de out. de 2013

San Xoaquín, patrón de Ons por...


Como cita referente á capela de Ons temos[1],  no 1594, as manifestacións dun cura de Rianxo dicindo que nese mesmo ano “había moitos ladróns e corsarios que roubaban canto atopaban ansí de barco, como dos demais...” e que tamén habíase saqueado a illa e queimaran á igrexa.
O 22 de xaneiro de 1838 un monxe exclaustrado da Orde de San Bieito chamado Frei Manuel Mos lle pide ao Sr. Gobernador Eclesiástico do Arcebispado de Santiago lle permita “hacer y bendecir una capilla en la Isla de Ons para decir el sacrificio de la misa”. Nestas datas Ons pertencía (1837-1844) ao concello de Sanxenxo e "non tiña igrexa e santuario"
Joaquina Montenegro Ponte e Oca, dona da illa de Ons, casou con Javier Martínez de Arce y Enríquez (1808-1887), VII marqués de Valladares e VI vizconde de Meira.
Ao longo da costeira da sardiña o número de de veciños de Ons aumentaba de forma significativa. Polo que no 1845 o Sr. marqués fai a reflexión de que os que quedan no inverno ”están en el mayor abandono, sin Pastor ni Iglesia y sin oratorios y capilla”. 
O día 2 de outubro de 1847 o marqués de Valladares comprometeuse a edificar a capela ante o Arcebispo de Santiago. Na mesma misiva do compromiso lle di que cando estea edificada se “digne autorizar su bendición , y darle título y advocación, que celebraré, y rogaré entonces a V. E. sea el de San Joaquin por ser el nombre de mi esposa a cuyo patrimonio pertenece la Isla”. 
Mentres non se construía a capela o marqués pon barco en Ons todos os domingos e festivos para que os veciños poidan acudir á misa en Beluso.
No 1848 bendícese a igrexa baixo a advocación de SAN JOAQUÍN… e no agosto de 1849 o mesmo marqués nomea Presbítero de Ons a José Ramón Correa, pero a este non lle sentou ben a vida na illa e tivo que substituílo outro, D. José Moravia natural de Bouzas.
Ons nunca foi parroquia independente a pesar de que no ano 1887 o Sr. Fragoso, Arcipreste de Morrazo, enviou o bispo un escrito solicitándollo. 

  
[1] Apuntes de J. Mª Estévez Castro

3 de out. de 2013

Jenaro Pérez Villaamil debuxa Bueu


Jenaro Pérez Villaamil (1807-1854), o grande paisaxísta romántico e debuxante, nunha viaxe en barco pola banda sur da ría de Pontevedra no setembro do ano 1849 na compaña dun grupo de amig@s plasmou  nun debuxo a lápiz titulado “Playa de Bueu”, hoxe no Museo de Pontevedra, unha escena que o mesmo autor da obra describe nunhas inscricións autógrafas no ángulo inferior, central e dereito do debuxo:
         “Bueu. Ría de Pontevedra  
          cerca de Marín
         “Playa de Bueu: en el acto de recoger el pescado
          Salida del bote cargado
          colocar y recoger el aparejo y aparejo a tierra.
                         Ría de Pontevedra
                    18 Sbre. 49
A continuación realiza unha serie de acotacións toponímicas, paisaxísticas, ambientais,…dende o monte Sobareiro (Loira) ata Cela:
da Cova – Luz – Moza – bosque -10 – tono azulado – árboles bosque – Cela – blanca curva norte
O salientábel deste debuxo é que reflicte unha escena de pesca na que poden observarse a uns dezaoito mariñeiros tocados coa “barretina” típica do traxe catalán de mariñeiros e campesiños.
Pero o que moitos descoñecen ou lembran é que no reverso hai unhas incrición dos seus acompañantes e amigos, feitas ao pouco de debuxalo:…
 En Bueu 18 de Septiembre 1849
Recuerdo amistoso al Pintor de S.M. Dn. Genaro Perez de Villamil.
Amalia Fontenla[1]
Recuerdo al Sr Villaamil la satisfación de tenerlo en la casa en Bueu su affmº. Juan Fontenla
Luís Patiño Buceta
ruega al Sr. Villamil recuerde la chillona gabiota que tumbó el arcabucero
dn. Luís Patiño, su apasionado
“Al recuerdo del animado cuadro que hoy ofrece Bueu hirá siempre unida pª. mi la grata memoria del Sr, Villamil, del artista eminente. 
            Antº Valcárcel”
“Recuerda al ayudante, tu amigo 
            Perfecto Valdés Argüelles”
“Enrique A. Braña”
“Francisco Sancho Gutiérrez”
“Jacinto Pazo (?)
 A man do artista tamén plasmou a Bueu noutro debuxo tal como nos lembra o profesor Filgueira Valverde: “Pérez Villamil tamén fixo un debuxo da “Fábrica de Salazón en Bueu” cun alprende e traballadores” que está nunha colección particular.

[1] Amalia Fontenla Plá (+15-5-1896), filla de Teresa Plá Avalle e José Manuel Fontenla Sotelo. Neta dos salgadeiros da praia de Beluso, Pedro Plá Refulls e Mª Rosa Avalle Pereira.

19 de set. de 2013

Ons: Un tesouro que voou...

No domingo 8 de setembro de 19129 na edición da mañá do xornal madrileño ABC, páxina 42, aparece unha pequena noticia da que sacando o anecdótico e o “xocoso” atopámonos coa dura
realidade do illamento de moitas das persoas que vivían en Ons.   A transcrición literal é:
OS VOOS DAS AVES ANELADAS
 Vigo 7, 10 mañá. Francisca Patiño Pérez, de sesenta anos de idade, recolleu na illa de Ons unha pomba mensaxeira, a cal, nos seus aneis, ostentaba as seguintes inscricións: “Wahter. N. N. 4. 3. 872. U. S. A
Alguén fíxolle crer que o achado valdriale moito diñeiro, e a boa muller presentouse no pobo de Bueu, pedindo unha crecida cantidade pola pomba e negándose a entregala ás autoridades. Dáse o caso curioso de que Francisca, que non saíra da illa desde hai vinte e cinco anos, realizou agora a viaxe convencida de que posuía un tesouro.

1 de set. de 2013

Café-Fonda "Villa de Bueu" na Habana de 1896

No semanario “La Tierra Gallega[1] editado na Habana o 17 de maio de 1896 aparece publicitado o café e fonda “La villa de Bueu”. Estaba ubicado na marxe esquerda da entrada da bocana do porto da Habana, preto do castelo de San Carlos. Os seus propietarios eran os señores Mañá e Barreiro, ámbolos dous emigrados a illa de Cuba dende a nosa vila.
Á vez que se embarcaron no mundo dos negocios cun “Café e fonda” tamén o fixeron coa importación dos viños da súa terra. Como di a publicidade este viño do Morrazo é a primeira vez que se presenta na Habana. De “tan exquisito producto” son os únicos representantes e importadores.

[1] Fundado e dirixido por Curros Enríquez (1894-1896)