8 de nov. de 2024

Bueu: A feira de Sanamedio-Beluso e A Barraca-Bueu

 Días antes de se asinar a Constitución de 1812, pero co espírito que a guiaría emítese, por parte das Cortes españolas, un Decreto  autorizando á Rexencia do reino a permitir a celebración de feiras e mercados en calquera parte do territorio, previo informe da Deputación correspondente. No noso caso da provincia de Galicia e do Partido de Santiago de Compostela.

A recolleita de informacións das distintas localidades quedaban reflectidas no libro de “Feiras e Mercados” do concello de Santiago de Compostela. Parte da información fora recollida nun artigo de Ángel Rodríguez González publicado no Boletín da Universidade Compostelá de 1967-68 e titulado “Ferias en el partido de Santiago de Compostela en 1813” (páx. 357-283).

Sanamedio-Debuxo de Pintos
No que compete ao Morrazo. recóllese que por esas datas que hai dúas feiras mensuais: unha na parroquia de Sta Mª do Campo, os 17 de cada mes (dura un día) e outra no Redondo de San Martiño de  Moaña, o 3 de cada mes (1/2 día). Dado que as distancias considéranse grandes, pois están a 2 e 1’5 leguas  respectivamente, os alcaldes dos concellos parroquiais de Bueu e Beluso solicitan establecer feira mensual na Barraca (os 24 de cada mes) e San Mamede (os día 7 de cada mes).   




14 de set. de 2024

Xosé Velo Mosquera en Beluso

 O número das personalidades da política, das artes e da cultura en xeral que nalgo máis da primeira metade dos anos trinta do s. XX andaron por estas terras de Bueu, e máis

Carlos e Xosé Velo
concretamente por Beluso, foi amplo e bastante relevante. Dende colectivo O mar por diante demos en dalos a coñecer como  o Grupo de Bueu. De cando en vez, por achados de distintas procedencias, temos o pracer de aumentar e documentar a algún membro máis. Hoxe é un deses días. Se na Entrada pasada engadimos ao músico e compositor Luís Brage, agora teño que facelo cun curmán do cineasta (guionista, director...) Carlos Velo Cobelas, tamén pertencente ao Grupo de Bueu.

Xosé Velo Mosquera
Estou a falar de Xosé Velo Mosquera. Si, Xosé Velo Mosquera (1906-1972), moi coñecido por ser un dos que artellou e realizou o secuestro en 1961 do transatlántico portugués Santa María. Pero tamén, sobre todo nas terras de Celanova onde naceu, como organizador das Mocidades Galeguistas e, con posterioridade xa no exilio por terras americanas, tamén o DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) que aglutinaba a galegos e portugueses (H. Delgado, H. Galvao...) opositores ás ditaduras española e portuguesa.

Pero máis que sinalar a súa biografía ou matizando o seu perfil humano, cultural[1] e político[2] o que quero mencionar é a súa presenza e relación con Bueu.

Rómulo Gállegos e amigos en Beluso
Abril de 1935, sabemos que fora nomeado integrante  do Consello Nacional das Mocidades Galeguistas e por eses días casou con Jovita Pérez. Descoñecemos cal dos dous motivos o trouxo ese ano pola Praia de Beluso. Inclinámonos que por ser integrante do Consello das Mocidades Galeguista pois coas persoas que hai constancia que estivo foron un grupo de intelectuais e políticos venezolanos liderados polo escritor Rómulo Gállegos[3] e quizais ao través destes co compañeiro de Maruja Mallo, Alberto Fernández ‘Mezquita’ dirixente no POUM (Partido Obreiro Unificado Marxista).  Proba da relación son as fotografías en 1935 que de Rómulo e o seu grupo na Praia de Beluso foron feitas por Xosé Velo Mosquera e están no seu fondo do Museo de Pontevedra.

Outras coincidencias curiosas con este personaxe e Bueu (directa o indirectamente) son:

Seu primo Carlos estivo filmando no 1936 tamén pola Praia de Beluso e coñeceu aos Gállego e amigos...

A familia Velo emparentará coa familia bueuesa Bares. O fará en terras americanas ao casar Josefa Bares Cantabous con José Velo Temes.

Xosé Velo con Julio Formoso
Xosé Velo Mosquera como organizador do DRIL tiña unha relación moi fluída con Julio Formoso que era xornalista e xefe de comunicacións desa organización. Tamén pai do mozo, que vivira no pazo do Casal de Bueu, que fora á escola de D. Julio na Graña, con amigos que o lembran... chamado Xulio Formoso[4]... 

Quizais por iso din que o mundo é un pano!



[1] “Profesor e poeta” reza na súa esquela.

[2] O podedes facer ao través das publicacións de Aser Álvarez, Antonio Piñeiro e outros.

[3] Con posterioridade sería presidente de Venezuela.

[4]Un amigo, Paco Rodríguez Pastoriza, falando de Xulio Formoso nunha charla no 2020: https://youtu.be/HCBU_7ez7Ao

1 de set. de 2024

Belusana

 Non é a primeira vez[1] que falo desta pequena peza musical, pero si dende o punto de vista do autor e como reclamo para rescatalos do esquecemento.

Luís Braxe.

Luís Rafael Brage (Braxe) Villar (1886-1959), músico e compositor galego e director de bandas de música como La Lira de Ribadavia. Moi coñecida a súa música, a destacar a rapsodia galega para bandas, Follas novas,  pero non tanto ao músico por razóns que mencionaremos.Pois ben, Luis Braxe[2] foi un dos personaxes que poderíamos engadir ao que os amigos de O mar por diante demos en chamar “Grupo de Bueu”: Rómulo Gállegos, Maruja Mallo, Mezquita,  Carlos Velo, José Suárez etc. todos eles relacionados coa literatura ou as artes no seu máis amplo abano e que nos anos trinta do século XX pasaron pola praia de Beluso.

Descoñecemos a relación de Luís Braxe con todos os mencionados e os que non: Gonzalo Torrente, Federico Ribas, Johan Carballeira...  Ideoloxicamente encaixaba con todos eles, era un activista cultural e, por enriba de todo, republicano, o que lle supuxo anos despois ser condenado “a morte, logo o cárcere e, finalmente, o ostracismo oficial e, na práctica o remate da súa carreira oficial”(Ferreiro, 2020).

A súa consideracións ideolóxica non foi obstáculo para que nas súas vacacións en Beluso mantivera unha boa relación coa familia Lago-Carballal, propietarios de salga e conserveira en dito porto. Na súa estancia do 1933 escribe unha pequena peza para ser estreada no Salón (Baile) Guerra  na Ruanova de Riba baixo a dirección de Salvador Lago Carballal, da man de “Xuventude Católica” que por esas datas dirixía seu irmán Francisco Lago.

 

A peza leva o título Belusana[3], da que saibamos[4] non se conserva a partitura orixinal, é unha muiñeira  da que Luí Braxe compuxo música e letra[5], e que o seu biógrafo David Ferreiro clasifica como composición de Música de cámara e de salón[6].



[1] A última no libro Bueu. Outra maneira de soñar: Historia do cine e do teatro. Edit. Concello Bueu, 2024.

[2] Na grafía do cartel no Beluso de 1933.

[3] Rexistrada no SGAE co mesmo nome.

[4] Pode que algunha copia desaparecese como refugallo cando se tirou “case todo” das casas dos Carballais. Manteremos a luz acendida para ver se aparece algún día!

[5]Aínda que a Muiñeira é esencialmente instrumental, atópanse algúns temas con letra que canta un coro ao unísono da gaita” (Espinosa, 1940).

[6] Luís R. Brage Villar. Obra e memoria de David Ferreiro Carballo. Enlace para baixar o libro en pdf: https://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_2020_Luis-R-Brage-Villar-Obra-e-memoria.pdf

27 de xul. de 2024

Reviravolta cos alcaldes

 Hai tempo, 1º de maio do pasado ano, puxen unha entrada titulada: Bueu: Récord de alcaldes (premer se se quere lembrar) na que puña en consideración a circunstancia de que nun só mes, por mor da revolución da “Gloriosa” ou Pronunciamento de Prim,  houbera 5 alcaldes nun pobo como Bueu.

Agora, sobre a mesma noticia poño unha imaxe para que os amigos do misterioso, do enigmático, cabalístico etc. poidan tamén especular non só polas coincidencias e simetrías nos nomes, senón polas coincidencias nas sinaturas e …  

29 de abr. de 2024

1º de maio

 O 1 de maio do 2017 puxen unha entrada titulada “Medo a que os traballadores se manifesten o 1 de Maio – 1932” a raíz dun telegrama que o gobernador civil da provincia envía ao alcalde de Bueu Luís Jesús Prieto ordenándolle que non autorice manifestacións nin mitins ao aire libre coa escusa de evitar enfrontamentos entre as distintas organizacións obreiras.

Agora vou poñer outro telegrama do gobernador civil aos alcaldes con respecto ao mesmo día, pero tres anos máis tarde, un 27 de abril de 1935. O alcalde que o recibiu foi Ramón Domínguez Ferradás.

“Para festa primeiro de maio por consideralo prudente non se permiten manifestacións ni mitins de ningunha clase, a festa terá o carácter do 14 de abril, non parando os servizos públicos, auga, luz, beneficencia, limpeza, cuxo mantemento procurarase por todos medios garantindo apertura cafés, bares, restaurantes, taxis, etc. respectándose todo caso pactos, pero apoiando decididamente industriais donos establecementos para que por si mesmos o con mínimo persoal permanezan abertos asegurando de maneira máis eficaz a venda natural de pan, leite, carne, peixe etc. Funcionarán así mesmo os espectáculos. Coa debida anticipación adoptará precaucións medidas para que comecen a circulación autobuses liña e tranvías polo costume, evitando coacciones tanto este particular como apertura establecementos.  Consentirá as saídas ao campo e impedirá se intente prolongar durante o día dous a vacación do primeiro de maio. Facendo saber ás organizacións obreiras e a quen o pretendan constituiría isto folga ilegal. Téñame ao corrente de canto ocorra prestándose desde primeiras horas día primeiro servizo especial estea pendente este goberno cada dúas horas canto ocorra. Acúseme recibo este telegrama”

 Os telegramas falan por si solos, e a historia anterior e posterior tamén. Quizais as explicacións veñan dos por que os poderes teñen tantos medos das clases traballadoras...

 








22 de feb. de 2024

A casa dos Ferrer en Loureiro

 Quizais debería nomear á familia do último propietario salgadoiro, José Fazzina Ambroggio, e así moitos saberíades mellor dos espazos dos que imos a tratar.

Pero para ser xustos, o que mandou construír, un lustro antes do s. XX, a fábrica de salga na extrema de poñente da praia de Loureiro-Bueu foi Francisco Ferrer Casellas, natural do Caramiñal.

Pouco despois, dous dos seus fillos, Francisco e Mamerto, fanse cargo da salga. Ao precisar outra vivenda o maior, Francisco Ferrer Ferrer, envía a mediados de abril de 1901 unha instancia ao alcalde Miguel Nogueira para que lle concedesen licencia para construíla nun terreo recentemente adquirido lindeiro coa salga e coa estrada Pontevedra-Cangas, no mesmo lugar de Loureiro.

Pola súa localización na zona marítima derívase a petición á axudantía militar de mariña que respondeu ao pouco tempo afirmativamente. Tiveron que presentar un plano de obra[1] e así comezou a mesma a toda presa, coa fatalidade que unha parte colapsou sepultando ao salgadoiro que se salvou de ‘milagre’, (Entrada do blog en agosto de 2014: A Virxe do Perpetuo Socorro salva a un salgadeiro en Loureiro[2]).

Tras este accidente paralízase a construción e tardaranse 4 anos en presentar outros planos, esta vez máis elaborados, para construír a vivenda. Tras repetirse os procedementos esta levántase con lixeiras modificacións como pode comprobarse na actualidade. 

 

Nota: Da salga e vivenda primixenia non se conserva case nada pois hai no seu lugar un bloque de apartamentos.

 


Ano 1952

Na actualidade

 



[1] Feito polo mestre de obra Ventura García.

[2] http://acidras.blogspot.com/2014/08/a-virxe-do-perpetuo-socorro-salva-un.html

1 de xan. de 2024

A industria de curtidos en Bueu

 Falar das fábricas de curtidos en Bueu é algo que non está gravado no maxín de Bueu como pobo. Pero si podemos confirmar que houbo momentos da súa historia nos que os goldreiros ou curtidores traballaban o coiro nas súas casas de Bueu, Cela e Beluso.

Real de Legos-Bueu- Catastro Ensenada 1752
Se ben é certo que o facían ao por menor case sempre como algo complementario ao seu oficio de zapateiros. Destes, poderiamos facer unha relación de pouco máis dunha ducia sacados do Real de Legos do Catastro de Ensenada de 1752: como Agustín Estévez de Soutelo, Alberto de Otero de Meiro, Julián Juncal da aldea de Pedreiras, Patricio Gallego de Cela, Antonio Estévez, outro que vivía na Rosa-Beluso etc. Aínda que non había grandes diferenzas, non todos traballaban a mesma cantidade de peles polo que a ‘utilidade’ que lle adxudicaban de impostos a cada un ía dos 30 aos 70 reais/ano.
AHPP-Escr. Benito de Aris-1837 Venda Fabrca. curtidos

De grande fábrica de curtidos temos, no primeiro terzo do século XIX, como propietarios dunhas instalacións na antiga rúa Berrón de Pontevedra,.á dona da salga da Praia de Beluso, Mª Rosa Avalle[1] viúva de Pedro Plá.

Mais, Houbo fábrica de curtidos de certa entidade en Bueu? A resposta pode deducirse dunha solicitude para facela en 1883 na casa que hoxe aínda se coñece como a de “Pin Cabanillas” en Pescadoira. Casa que foi primeiro salga (1806) de Vicente Freire e Mª Alberta Otero e que logo pasaría a José Domínguez Fontenla que a mediados do XIX tivo unha pequena fábrica de curtidos aproveitando as pías para os procesos químicos e lavados das peles.

A grande fábrica de curtidos quixeron montala, en 1883, ampliando esta os señores Alejandro López e Salvador Ferradás, para o cal pediron á alcaldía autorización, que non lles foi concedida, nos seguintes termos:


que na casa almacén dos herdeiros do finado José Domínguez situada en Pescadoira fóra do centro da poboación, teñen proxectado establecer una tenería[2] para o curtido de coiros ou peles e modificar
algúns dos pilos ou chancas que xa contiña por terse exercido antes de agora a mesma industria no oficio; pero como ademais séxalles preciso reformar a súa fachada e para elo necesiten o permiso conducente con acordo ás ordenanzas municipais do concello aprobadas pola superioridade, se ven na necesidade de recorrer a V”.

 Para finalizar cabería preguntarse se hai outros indicios relacionados coa actividade do coiro nas parroquias de Bueu. Quizais a toponimia puidera dar algunha pista; que eu saiba, e sen moita relación coa industria dos curtidos, hai unha parcela nas Meáns chamada “Lavandeira” ou “Pozo de Coiro”.

Outra referencia ven da sabedoría de Belarmino Barreiro quen ouvira dicir que as donas dun muíño do río da Devesanova-Cela, ‘As Pelonias’, tamén se dedicaron ao curtido da pel.



[1] Ela e os seus fillos vendérona por 10.000 reais, o 13 de abril de 1837, a Bernardo Echevarría, outro empresario dos curtidos.

[2] Fábrica de curtidos.